Onte 1031: Xenocidio en Gaza
Estremece o que sucede estes días na Franxa de Gaza, convertida en campo de tiro dos F-16 israelitas. Xustificados polo goberno de Netanyahu como resposta ao asasinato dos tres mozos xudeus secuestrados e pola persecución de dirixentes de Hamás estes bombardeos provocaron nas últimas 48 horas máis de corenta mortos, a maior parte civís, entre eles tamén moitos nenos. Unha dor insoportable, outra vez volve o xenocidio da poboación palestina. Unha operación que, ademais, moitos analistas interpretan como a resposta militar coa que Israel pretende evitar a reconciliación intrapalestina e a reunificación política de Gaza e Cisxordania, un proxecto do goberno de Mahmud Abbas que culminaría na constitución dun goberno de unidade nacional palestina con participación de Hamás. Tras tantos anos de conflito, cando se cumpre unha década da sentenza modélica do Tribunal da Haia que ordenou a Israel a desmontar o Muro de Anexión e as colonias construídas ilegalmente, así como a reparar aos palestinos os danos causados, a espiral semella volver ao inicio, diante da inacción da comunidade internacional. No actual mundo multipolar a única saída posible para parar o xenocidio de Gaza é a activación política internacional e a mediación efectiva das Nacións Unidas. Semella coma berrar no deserto, mais non hai outra posibilidade.