Onte 395: Enquisas
As tres enquisas publicadas na fin de semana (CIS, LVG e ABC) coinciden en que o Partido Popular de Galicia manterá a súa maioría. Coa exepción do optimismo do xornal dirixido por Bieito Rubido, que lle proporciona a Feijoo unha maioría cómoda, semellante ás que adoitaba obter Manuel Fraga, parece que a esta altura da campaña o máis verosímil continúa sendo un resultado axustado. No entanto, entre as tres sondaxes hai diferenzas considerables sobre o resultado que poidan obter o PSdeG-PSOE e o BNG. Con todo o que ningunha discute é a aparición dunha cuarta forza, a Alternativa Galega de Esquerda de Beiras e IU, sen descartar a posibilidade que Compromiso por Galicia obteña representación na provincia de Ourense, o que abriría o Parlamento Galego a un maior pluralismo. Como semella tamén moi probable, a pesar dos esforzos dos medios centralistas, que nin Mario Conde nin Rosa Díez vaian a pintar un caravel na política galega. A campaña comezou esta fin de semana morna, con pouca participación nos actos electorais organizados polas candidaturas da oposición, polo menos nos que se celebraron en Vigo; un síntoma que corroboraría a existencia dunha feble pulsión de cambio. Quizais os debates bilaterais que comezan esta noite, onde se bota en falta un encontro Beiras-Feijoo, axuden a animar un proceso no que a inhibición electoral pode ser moi elevada e decisiva.