Listado de la etiqueta: chapeu

Onte 1724: Serán con Tatán

Tatan_Redondela_28-07-2016

Moito gozamos no serán de onte do concerto de Tatán no Meixón Frío de Redondela, o espazo entrerrúas da infancia do artista de Tanxarina, de Montse e doutras persoas por min tan queridas. Arroupado polas cordas de Pablo Vidal Mendoza, o piano de Alberto Vila, a percursión de Noli Torres e os coros de Branca Francés, Tatán destilou auténtico swing galego durante case dúas horas, seguindo o fío de Chapeu, o seu primeiro disco. As interpretacións de espírito jazzístico e intimista de fados como “Branca”, habaneiras como “Amores por terra” (que dedicou aos mariñeiros de Cesantes), baladas como “Veludo e algodón” ou a fantástica “Canción do contrabaixo”, mesturáronse con temas de fasquía popular retranqueira como “A Nona” ou “O político”, que o público redondelán asume como propios. Xaora, gustei tamén da iniciativa promovida por O café da vila e A tenda de Candelaria de organizar este tipo de concertos ao longo do verán, ocupando o espazo público urbano para a cultura e as artes, un camiño iniciado en Compostela moi eficaz para a visibilización da música galega. Magnífico serán con Tatán e a súa xente.

Onte 1700: Chapeu, Tatán!

Chapeu_tatanFoi no Culturgal pasado cando Eduardo R. Cunha «Tatán», o veterano fundador de Tanxarina, presentou Chapeu, o seu primeiro disco como cantante en solitario, unha desas marabillas da inesgotable e sorprendente música galega que tanto nos prace. Unha ducia de cancións, a maior parte sobre poemas do choqueiro, outras tantas historias sobre o mundo da escena onde leva traballando case tres décadas. Cancións que visitan o jazz, o blues ou a canción melódica tradicional, algunhas memorables como  o fado «Branca» (unha obra mestra), «Veludo e algodón» ou «Amores por terra», unha habaneira desas que tanto gustan en Redondela, todas auténticas marabillas onde a voz rota e serena de Tatán destila puro swing, un tsunami de tenrura, emoción e retranca. A produción musical de Pablo Vidal é moi coidada, ao que axuda a presenza de numerosos amigos que arroupan ao redondelán nesta magnífica estrea. Recomendo moi vivamente este cedé, Chapeu, Tatán!