Onte 1470: «A praia dos afogados»
Como sucedera coa estrea d’ A Esmorga foi onte unha beizón acudir aos Norte para ver nunha sala chea A praia dos afogados en versión orixinal en galego. A pesar de ser unha película sen apenas elipses nin omisións con respecto á novela homónima de Domingo Villar, conquistounos como golosina visual viguesa. A aparición na pantalla de espazos queridos, como o porto de Panxón e as dunas de Gaifar, tiraron do noso interese por esta narración policial con pingueiras etnográficas. Chamoume a atención o esforzo de Gerardo Herrero por facer presente a lingua galega, coa intención de arraizar a historia, aínda que isto facilitase a visualización do prexuízo da falsa amabilidade lingüística. Tamén é moi destacada a magnífica interpretación dos secundarios galegos, como Luis Zahera, Celia Freijeiro e Celso Parada. A pesar de que non é unha película das «memorables», é unha fachenda contar cunha adaptación desta factura tan digna dunha obra literaria galega.