Onte 1104: Orgullo neofalante
Son galegofalante desde os quince anos, cando decidín asumir o galego como a miña primeira lingua. Dende entón loitei día a día para vivir en galego en todos os eidos da miña vida familiar, social e laboral. Sei que fun afortunado por traballar como docente monolingüe de educación infantil e por facelo agora como editor en lingua galega. Non tiven nunca aldea de meu en Galicia nin mamei o galego no berce nin sequera tiven a oportunidade de aprendelo na escola. Un curso en agosto de 1975, impartido por Carme Panero, utilizando aquel Gallego 1 do ILG, abondou para presentarme nun horrible galego hiperenxebrista diante da miña familia e dos meus compañeiros. Daquela pensaban todos que estaba tolo, fixérame galeguista. Xaora, é unha fachenda confesar que son galegofalante por escolla, por unha convicción tatuada na miña fala, que sei nunca abandonarei. Orgullo de neofalante.