Onte 897: «Cadeas» ou a novela como límite
Na presentación pontevedresa de Cadeas da man do Ateneo, tanto Xesús Constela como Ramón Rozas e Xabier López López insistiron na idea da novela como límite. Constela recolleu o fío que Chisco Fernández Naval deixara na presentación coruñesa de Cadeas na que dixo que esta novela premiada co Xerais exploraba os límites. Rozas insistiu sobre a fragmentación de Cadeas, tanto no que atinxe aos temas como á infinidade de rexistros (cartas, relatos de terror, crítica, citas…) e a capacidade do autor para engaiolar con tantas singularidades. Pola súa banda, Xabier López López definiu Cadeas como «un texto límite, novela ou suma de relatos, unha novela límite que xoga entre selo e non selo». Referiuse á idea de «vida como unidade narrativa» para preguntarse se somos unha novela ou un fato de relatos, «a nosa vida é mais ca un único fío, na nosa constante autonarración esquecemos que tamén somos personases secundarios das vidas doutros». «A literatura, a novela, é a a historia dunha persecución continua na que o autor e o lector nunca acabamos de atoparnos». Rematou Xabier desvelando algunhas lecturas inéditas de Cadeas referidas a súa relación con Manuel Antonio, Rafael Dieste e Antonio Machado. Cadeas preséntase hoxe na Pobra do Caramiñal da man de Barbantia.