Onte 1061: Jamie Cullum en Castrelos
Pagou a pena volver as gradas de Castrelos, un dos nosos espazos da memoria, para participar das dúas horas da jazz-session de Jamie Cullum e o seu cuarteto. Nin a choiva ameazadora, que arruinou a primeira xornada do Marisquiño, nin a humidade da bancada, estragaron un concerto no que Cullum presentou Momentum e repasou uns poucos dos seus temas máis coñecidos entre o jazz e o pop. A enerxía percutiva de Cullum e a súa banda de virtuosos foise enguedellando cos momentos de improvisación ao piano ou sobre o piano, que acadaron a súa mellor expresión nas versións de «Blackbird», unha homenaxe explícita a The Beatles no día de Abbey Road, e na do seu «Save your soul», como nas dúas derradeiras propinas, cando Castrelos xa estaba rendido coas declaracións viguistas do de Esex: «Vigo, Vigo, Vigo, my heart, my soul…» Jamie Cullum é un músculo rítimico incesante, unha fervenza de entusiasmo e enerxía, un virtuoso pianista melódico co alma de crooner. Saímos felices.