Onte 931: Naufraxio no mar de Vigo
Coas axudas á navegación actuais resulta inexplicable a colisión que onte se produciu entre dous barcos na entrada da ría de Vigo. O xigante Baltic Breeze, un cargueiro dedicado ao transporte de automóbiles, entraba na ría arredor das catro da madrugada, mentres o arrastreiro Mar de Marín a abandonaba, despois de ter realizado unha descarga no porto de Vigo. A súa colisión provocou o fundimento do arrastreiro en apenas dous minutos, tempo no que puideron salvar a vida apenas cinco dos seus dez tripulantes. Esta traxedia do Mar de Marín na ría de Vigo engrosa a interminable lista de naufraxios dos pesqueiros galegos nesta última década, dende o máis recente do Santa Ana de Muros, pasando polo Cordero de Ribeira, e o Siempre Casina de Burela, até o do Bahía de Cesantes. Unha lista tráxica que ten precedentes no mar de Vigo, nas catástrofes mariñeiras que fronte ás illas Cíes sufriron en 1956 o Ave del Mar de Moaña e en 1964 o Centoleira. Eis a memoria tráxica do mar, que rouba as vidas dos seus mariñeiros, salferindo de dor e desolación ás súas xentes. O noso agarimo para as familias das vítimas do Mar de Marín.