Onte 1216: O reto de Syriza
A clara vitoria de Syriza rebenta un gromo de esperanza no ermo actual da Unión Europea, onde por vez primeira se podería enxergar unha posibilidade de rematar coas políticas de austericidade da Troika. Syriza, unha coalición de forzas de esquerda de espírito europeísta, asumiu onte o compromiso co pobo grego de recuperar a súa dignidade e a soberanía na súa gobernanza. Xaora, para desenvolver o seu programa terá que facer compatible a súa capacidade para negociar nos «mercados» internacionais a reestruturación da débeda ilexítima coa do financiamento que Grecia aínda precisa. Nunca foi doado inxerir o triángulo dentro da circunferencia.