Onte 1395: Na Feira de Rianxo
Viaxei onte a Rianxo para acompañar a Ledicia Costas e ás autoras de Historia da literatura infantil e xuvenil galega na presentación organizada pola asociación Cultural Barbantia na feira do libro de Rianxo. Foi o escritor Carlos Mosteiro que coordinou unha mesa heteroxénea na que comezamos pola presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta e Un animal chamado néboa, os dous libros máis recentes de Ledicia Costas, tan diferentes nas temáticas e públicos, mais unidos ambos os dous polo talento da narradora viguesa de crear beleza por medio da linguaxe. Despois foron Blanca Ana Roig Rechou, e as rianxeiras Eulalia Agrelo e Marta Neira, as que presentaron a súa obra, un traballo académico de obrigada referencia que sistematiza e clasifica a panorámica da nosa literatura infantil e xuvenil nas últimas catro décadas, ao tempo que contribúe a superar moitos dos prexuízos sobre este subxénero literario. A feira continúa hoxe coa presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto e mañán da magnífica biografía de Ricardo Losada protagonizada por Faustino Rey Romero.