Onte 1001: Sacrificio
Feijoo decidiu na encrucillada, aínda que chama moito a atención que sacrificase ao seu conselleiro de Infraestruturas para tratar de conservar a Alcaldía de Compostela. Agustín Hernández Fernández, un dos membros do Goberno Galego con fama de mellor valorados, un marathoniano que ocupara de forma simbólica a última posición da lista municipal compostelá, deberá asumir a remuda dun Currás ilexitimado por inhabilitacións, demisións, imputacións, fraudes fiscais e escándalos no equipo formado formado por Gerardo Conde Roa. Unha carambola difícil. Probablemente, tamén, un sacrificio para Agustín Hernández que durante menos dun ano deberá montar un equipo de goberno sen concelleiros ou concelleiras electas capaz de recuncar nas vindeiras eleccións. Todo un espectáculo teatral cuxo argumento principal semella cada vez máis esperpéntico, case unha homenaxe o xénero daquel Valle que pasou os seus derradeiros días (moi fríos) en Compostela. Xaora, non acabo de entender as razóns polas que Feijoo, quen gosta presentarse nos foros televisivos como implacable inimigo da corrupción, decidiu apodrecer a situación en Raxoi, prolongando até onte a agonía de Ángel Currás, evitando a disolución da actual corporación compostelá e novas eleccións. Non hai dúbida que só unha convocatoria electoral, só a voz da cidadanía expresada nas urnas, pode devolver a lexitimidade aos xestores do concello de Santiago. Diante de semellante esperpento, a esquerda conta con todas as posibilidades para recuperar o vindeiro ano a Alcaldía. Agardemos que desta volta non queden os seus votantes na cama nin o seitarismo malogre esta oportunidade.