Onte 506: Festival de Cans
A noite da entrega do Premio Internacional Ateneo de Ourense ao Fomento da Cultural tiven a oportunidade de falar un bo anaco co meu admirado Alfonso Pato, director e fundador do Festival de Cans. Non hai dúbida de que ás portas da celebración da súa décima edición, o éxito deste festival de curtas e vídeoclips radica en que prendeu e se alicerzou sobre unha comunidade local capaz de corresponsabilizarse do evento. O traballo organizativo da asociación cultural Arela e do centenar longo dos seus voluntarios, a xestión de recursos procurando tanto os patrocinios públicos coma os privados, e o transversalismo no deseño da coidada programación artística de Cans demostran que non fan falta grandes contedores nin tinglados para artellar en Galicia unha oferta cultural atractiva e de calidade. Alfonso Pato, un tipo marabilloso que agasalla esperanza e contaxia entusiasmo, preguntábame sobre as posibilidades de organizar un evento con espírito semellante ao de Cans no eido das letras galegas. Hai algunha comunidade local que puidese asumir reto tan ilusionante?