Onte 1748: Acento prenatal
Leo en La Vanguardia unha nova científica que me sorprendeu. Os investigadores da universidade alemá de Würburg comprobaron que os bebés de nais de diversas linguas aprenden o acento antes de nacer. Segundo a profesora Kathleen Wermke «os bebés están aprendendo os matices da linguaxe mesmo antes de nacer, absorbendo a información que reciben das súas nais mentres medran no seu ventre». O acento, pois, é unha adquisición prenatal, anterior á aprendizaxe da primeira lingua. Tirando deste fío tan suxestivo, a partir de agora cómpre diferenciarmos entre a adquisición (natural) do acento materno e a da lingua familiar (ambiental). Deste xeito, a tan característica prosodia galega, presente tanto nos que falan galego coma castelán, non correría o perigo que sofre o da transmisión da lingua nosa. Quedarémonos só co acento como o patrimonio común galego?