Onte 1542: Aida e Amparo
O atropello mortal de Aida e Amparo conmocionoume. Dúas amigas que perderon a vida cando regresaban de tomar un café a carón da casa. Outra volta a desgraza inagardada, inexplicable, que nos enfronta coa finitude e a continxencia. Aida Fernández Ríos era unha das científicas galegas máis acreditadas. Dedicou a vida á oceanografía no Instituto de Investigacións Pesqueiras de Bouzas. O mes pasado nos Premios da Crítica, onde participou no xurado de investigación, comprobamos que o seu optimismo era tan contaxioso como o seu entusiasmo pola vida un agasallo para os outros. A Amparo Costa coñecina antes, hai máis de trinta anos, nas primeiras escolas de verán. Era unha das mestras da escola galega das pombas, unha militante da lectura e da educación cooperativa. Hoxe choramos por vós, benqueridas Aida e Amparo.