Son galego

O de torredebabel é o post máis interesante dos que lin hoxe. Descoñecía esta lista de compromisos asumidos e divulgados por compatriotas de todo o mundo (e dos que aquí deberíamos tomar boa nota):

1.Considerarei Galicia como a miña Patria.
2. Proclamarei en público e en privado que son galego/a.

3. Considerarei a todos os galegos como tales, con independencia de que vivan ou non en Galicia, e naceran onde naceran.
4. Se coñezo o idioma galego aproveitarei sempre que poida para o practicar e esforzareime en perfeccionalo escribindo, falando, lendo e escoitando. Se non o coñezo, farei todo o posible por o aprender e o utilizar, sen ter vergonza por non o dominar.

5. Trasmitirei aos meus fillos e netos o orgullo de ser galegos.

6. Procurarei poñerlles nomes galegos aos meus fillos.

7. Se teño un apelido castelanizado trocareino pola súa auténtica forma galega.
8. Utilizarei sempre os nomes galegos das provincias, cidades, vilas, parroquias ou aldeas de Galicia, especialmente os daquelas onde teño as miñas orixes.
1
9. Estudarei e darei a coñecer a historia de Galicia.

10. Cultivarei as receitas de cociña galega aprendidas da miña familia e outras que aprenda a través do estudo da gastronomía galega e difundirei as súas virtudes entre os meus achegados.

11. Preservarei as tradicións galegas practicándoas e promocionándoas no meu entorno.

12. Celebrarei todos os anos a festa da Patria Galega do 25 de xullo.

13. Sempre terei á vista na miña casa algún elemento decorativo que fale de Galicia: un cadro, fotografía, bandeira, adorno, figura, etc.
14. Consumirei preferentemente produtos galegos.

15. Contribuirei na medida que poida a un mellor futuro para Galicia e para todos os galegos, onde queira que vivan.

16. Defenderei o nome de Galicia e dos galegos ante calquera insulto, difamación ou mofa.

17. Renegarei de quen aldraxe ou perxudique a Galicia e aos galegos, procurando defendelos con todas as miñas forzas; manifestarei publicamente a miña disconformidade con calquera lei ou medida que perxudique a Galicia, aos galegos ou á súa identidade; e apoiarei as iniciativas políticas honestas que procuren o ben para Galicia.

18. Difundirei polo mundo o nome de Galicia, explicando o que é, ónde está e quén son os galegos, amosando o orgullo da nosa cultura, idioma e historia.

19. Apoiarei ás organizacións que traballen por conservar a cultura e identidade galegas no exterior, coa miña participación como socio/a ou traballando dalgún outro xeito ao meu alcance a prol delas.
20. Contribuirei, na medida das miñas posibilidades, a soster os gastos destas e ao seu bo goberno.
Farei sempre por unir aos galegos do todo o mundo e nunca por os dividir.

14 comentarios
  1. torredebabel
    torredebabel Dice:

    Gracias Manuel polo comentario! Moito pode axudar a estes galegos da diáspora (Arxentina, Venezuela, Brasil, EEUU, Chile, Uruguai…) que cheguen libros en galego. Dígo-cho porque sempre leo os teus post e pode ser que os lectores que faltan na terra estexan fora. Por exemplo, en Bos Aires só hai unha libraria que vende libros galegos (só unha!!! para 300.000 galegos), noutras palabras, ser galego acá é unha tarefa moi pouco sinxela.

    PD: non falo de libros gratis, falo de mercarlos. Que iso tamén é imposibel e moito importante é para ter e manter a identidade lonxe da terra. Apertas!

  2. Plattdorf
    Plattdorf Dice:

    Glups.

    Xa sei que non ten que ver, pero imaxinen o complicado que resulta falar destas cousas nun sitio coma Alemaña…

    Ou se comeza a explicar por Adán e Eva ou córreno a un a pedradas.

  3. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Pois penso que sí ten que ver, Plattdorf. Se no manifesto cambias Galicia por Alemaña pasa a ser arrepiante. É o que ten esto do patriotismo…

  4. Brétemas
    Brétemas Dice:

    A verdade que non son amigo de facer chamadas ningunhas ao patriotismo; porén, admiro o esforzo das persoas que asinan este listado desbordado en manter acesa dalgunha maneira a identidade galega alí onde elas estean.
    Por outra banda, non está de máis lembrar que a cidadanía galega é propia de todos os que queren inventar a súa vida en Galicia, por riba de que nacesen ou non neste territorio ou de onde procedesen os seus familiares. Galegos todos, uns e outros.

  5. hojasdehierba
    hojasdehierba Dice:

    Gustaríame que reflexionarades un pouquiño sobre qué fariades se vos chega un andaluz poñendo en práctica un compromiso vital semellante… Obviamente, mandalo ao carallo, que para iso somos galegos.
    Hai que ser un pouquiño máis serios… que porque viva fóra de Galiza non teño que repetir catro veces cada día que son galega, que xa o sei, que nin siquera se me pasa pola cabeza que poida ser outra cousa, pero non por iso teño que convertirme nun coñazo andante para os pobres galegos e non galegos do meu entorno.
    Que o da gastronomía está moi ben, supermegachuli, pero a ver onde atopas grelos en Extremadura. Que case é máis sensato aproveitar, xa que estou aquí, para comer xamón do bo ¿non?
    Que ter unha bandeira na casa me parece ser tan absurdo coma os ianquis das peliculas, dos que facemos tanta burla…
    En canto o de rexeitar ás aldraxes, xamais precisei de ningún compromiso para iso, só hai que ter sangue nas veas, creo.
    Saúdos.

  6. Pedro
    Pedro Dice:

    Concordo punto por punto co que dí hojasdehierba. Paréceme ridícula a proclama patriótica, tanto coma calquera outra manifestación de patriotismo. Eses días da patria, esas bandeiras… Parece cousa de Paco Vázquez, pero ao revés.

  7. torredebabel
    torredebabel Dice:

    poda que para quen vive perto de Galicia sexa ridículo o compromiso coa galeguidade pero para os meus, que sairon de alá e ainda non poden voltar, é moi importante iso. Tamén o é para min, que non falo galego ben (e o escribo moi mal, como podedes ler acá) pero tento facelo mellor cada día. Coido que os sentimentos (chamadelo “patriotismo” se vos parece ben) son sempre subxectivos. Se hai galegos que queren repetir catro veces cada día que son galegos e iso parece a alguén “nun coñazo andante”, sempre pódese non escoitarlos ou non ler.
    A min, as proclamas patrióticas -sempre que sexan pacíficas- parécenme moi respetabeis. E mo parecen as dos aborígenes na América e as dos galegos que construen a sua identidade na diáspora. Ainda mais, danme moito orgullo. Apertas!

  8. hojasdehierba
    hojasdehierba Dice:

    Cadaquén é moi libre de facer o que mellor lle pareza, por suposto, como ti dis, Torre de Babel. Pero non creo que haxa un manual de normas para ser galego. Nin preciso que nada mo lembre, ainda que viva bastante lonxe de Galiza.
    Polo demáis, as demostracións patrióticas non só me parecían ridículas para o réxime de Franco nin para os ianquis. Estou moi orgullosa da miña familia e non por iso ando repetindo “son filla de X e Y, irmá de Z e tía de H e B”.

  9. torredebabel
    torredebabel Dice:

    Totalmente de acordo, hojasdehierba. Coma ti dis con tanta verdade, “non creo que haxa un manual de normas para ser galego”. Pode que ti penses que os compromisos de Fillos de Galicia non só falan da galeguidade desas persoas senon que deixan fora a todo quen non asine os 20 pontos. Pero non é asi. Ti vives a tua galeguidade do xeito que pensas que é o mellor para ti. E nos, o que é millor para nos. Sei que dende a terra moitas veces semella desmedido o amor e os xeitos de leva-lo que teñen os galegos da diáspora. Pero cada quen vive o seu orgullo familiar como quere ou como pode ou como aprende ou como inventa. Eu non penso que ti tes que “reflexionar”, nen che pido que sexas “un pouquiño máis seria” só porque levamos as cousas de xeito diferente. Iso ten de pobre este meio de comunicación: algunhas palabras que alguén pon sen ánimo nengún de amolar, son lidas por outros cunha forza que o seu autor non lle quixo pór. Coma sexa, gustoume iso que anotou Manuel: “Galegos todos, uns e outros” (e engado) cada quen como mellor le vai.

  10. Quique
    Quique Dice:

    Pois a min gustábame moito máis un lema que levaba un autocolante que se puña no cristal traseiro dos coches:
    “SER GALEGO… UNHA CARREIRA.
    E DE OURENSE… CATEDRÁTICO”.

  11. Nygard
    Nygard Dice:

    Pois eu considero o decálogo un pouco rancio, de verdade. Aínda que “cumplo” con boa parte deses mandamentos -non con todos- boto de menos algo así como “entenderei sempre a Galiza como unha nación aberta ao mundo e á influencia de outras culturas que enriquezan a galega”… e moitos máis que non se me ocorren agora.

Los comentarios están desactivados.