Sismo cultural?

Hoxe no Ciberpaís aparecen dous importantes artigos que abordan a cuestión da dixitalización dos fondos textuais, feito (para min incuestionable) que rexeiten a maioría dos editores internacionais e que promove, fundamentalmente, Google. O traballo de Francis Pisani analiza o estado da cuestión, mentres que o de Eric Schmidt (director mundial de Google inc) defende abertamente a dixitalización como xeito de democratizar o acceso mundial á información. Nos próximos días, unha vez que pase o rebumbio das primeiras sesións do máster de edición, estudareinos máis devagariño.

O da dixitalización dos fondos analóxicos impresos (trinta e cinco millóns de libros dos que só o 10% están en dominio público) é un dos debates claves do novo paradigma da literacidade electrónica, xa que afecta ao papel tradicional dos editores e das bibliotecas, ademais das implicacións que supón para a regulación do dereito de autor e ao funcionamento do modelo actual de comercialización dos contidos textuais.

Etiquetas: ,
7 comentarios
  1. juan l. blanco valdés
    juan l. blanco valdés Dice:

    Benquerido Brétemas e amigos:

    Trátase dun asunto da maior trascendencia e que nos vindeiros anos (¿meses?) vai facer mudar dun xeito definitivo a interacción cos soportes da cultura e da información. Non hai que temer aos cambios, mesmo aos cambios radicais. A imprenta de tipos mobiles de Gutenberg foi, na perspectiva histórica, probablemente un cambio moito máis virulento e radical do que aquí se formula.
    Sobre o poder incomensurable de Google -ao que fai referencia o director de futureofthebook.org Bob Stein no artigo do Ciberpais (“Google es para mí la entidad más aterradora del planeta”, declara. “Mucho más que Microsoft lo ha sido jamás… por la sencilla razón de que recopila toda la información del mundo”)- eu escribín no meu blog un post o 3 de abril último, que, se é do voso interese, vosn convido a ollar para coñecer o meu punto de vista.
    Non se trata de se somos ou non partidarios de que 15 millóns de libros sexan ou non dixitalizados. Ninguén nolo vai preguntar. ¿Ou acaso fomos consultados hai catro ou cinco anos sobre se queriamos ou non que Google se convertese no REFERENTE da rede? Hoxe, Internet é Google. ¿Media de consultas diarias de cada quen? É unha boa pregunta.
    Conste que paso de papanatismos e estou (inténtoo, cando menos) a medio camiño entre, digamos, Gutenberg e a sensibilidade e amor cara ao libro impreso, como obxecto e como soporte, e Berners Lee, en canto a emerxencia, imparable -e a dicir verdade, pouco “democrática” nas formas- do mundo dixital. Porque o que vén, é imparable.
    Saúdos cordiais.
    P.S. Por certo, se mo pertimes, acerca do título do post, é SISMO (non SEÍSMO). Deformación profesional. Nin descansando, son quen de deixar de corrixir.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Non teño dúbidas en apostar pola dixitalización dos fondos analóxicos impresos, especialmente, aqueles que están en dominio público e os que non están dispoñibles no mercado. Dixitalización que deberían acometerse dende a iniciativa pública (no caso dos fondos galegos é unha función que corrspondería a nosa futura Biblioteca Nacional). Outra cuestión moi diferente, sobre a que teño dúbidas é sobre os fondos actualmente comercializados. Aí está o debate que propón Google (a alternativa americana) ou atopar unha fórmula europea. A verdade que é unha cuestión na que prometo profundizar. Véxoo imparable, como. tamén, a modificación da actual cadea de valor que se desenvolve arredor do libro analóxico.

  3. miriño
    miriño Dice:

    Supoño eu que haberá que cambiar o concepto da industria libreira e musical (tamén, claro) e que ir contra ela é un erro.

    De tódalas formas, en referencia ao escrito de juan l. blanco valdés no que se di que a información da rede supón un infocaos e que a tremenda información que se move pode establecer rangos de importancia sobre e que se atopa e o que non. Establece unha comparación de 15.000.000 de libros de xeito que se Sempre en Galiza non aparece por algo será. Isto faime lembrar unha cousiña que lin en http://cabaretvoltaire.canalblog.com/archives/2006/05/31/1993586.html#comments no que o propio jaureguizar daba por bó un dato que procurara no google.

    E aquí é onde se xera o erro. O google é unha ferramenta de traballo. Mais hai que utilizala ben para obter datos correctos. Moitas veces cremos que algo non existe porque non sae no google… e non é certo… e outras veces cremos que a información que obtemos é a correcta… cando hai que ver de onde ven, e comparar con outros sitios.

    Que Sempre en Galiza non aparece nos libros dixitalizados é porque ninguén o escaneou… as cousas non aparecen porque si, alguén terá que facelo.

    Digo eu…

    Dixitalizar libros que xa non xeran dereitos de autor… paréceme unha moi boa idea. Nos que xeran dereitos de autor… aí a cabeza faiseme un libro. De tódalas maneiras, que se poidan descargar non quere dicir que se lean. E non quere dicir que os mesmos libros que se descarguen sexan os que se deixan de mercar.

  4. juan l. blanco valdés
    juan l. blanco valdés Dice:

    Amigo Miriño:

    No meu post de abril sobre Google eu non quería en absoluto afirmar que estivera de acordo , ou sequera que asumise persoalmente ese poder “canonizador” de Google. Si afirmaba que, nunha sociedade afeita ao coñecemento efémero, aos automatismos e a inmediatez da rede, Google vén adquirindo socialmente esa capacidade e a xente, en xeral, dáme a min a impresión de que, no que fai á súa monstruosa blbioteca virtual, crerá que aquilo non estea nesta será porque non importa. E iso si é perigoso. É de feito o perigo á que aludía Jeanneney -director da Bibliothèque Nationale francesa- de “americanización” da cultura.
    Sobre o que fai que a cabeza se che “faga un libro”, trátase simplemente de as obras protexidas por leis de copyright serán dixitalizadas só se o consenten explicitamente os propietarios do copyright. A dixitalización, en efecto, non é máis ca unha forma máis de comunicación pública, que precisa de autorización se a obra non está no dominio público.
    Por certo, é bonito iso de que a cabeza se che fai un libro. Lémbrame que a Juan Ramón Jiménez, un caixista trabucoulle un carácter por outro nas probas dun libro de poemas. Alí onde o poema había de poñer “Más adentro de tus ojos”, o caixista compuxo por erro “Mar adentro de tus ojos”. Contan que Juan Ramón non só deixou o poema así, senón que felicitou ao tipógrafo. Cousas da vida.

  5. miriño
    miriño Dice:

    É perigoso porque a xente o pensa así, non porque sexa perigoso que o google sexa unha ferramenta moi potente.

    Cada vez facémonos máis cómodos e pensamos que o que buscamos non está cando non aparece na primeira pantalla de procura do google. Está en nós ser un pouco máis esixentes.

    Non entendo moi ben que iso da ‘americanización’ da cultura. Entendo a americanización das nosas vidas, que se produce por seguir o seu mesmo modelo económico e as súas consecuencias. A cultura deixa de ser cultura cando se supedita á economía… non?

    As cousas que máis pagan a pena requiren un certo esforzo, que moitas veces non queremos, ou non nos apetece facer… eu creo que esta inapetencia é coa que temos que loitar… mais é unha loita individual.

Los comentarios están desactivados.