Samaín: imposición ou impostura

Mario pedía nun comentario unha anotación sobre Samaín, para volver sobre o animado debate do pasado ano. Onte, vendo as desconexións locais na canle internacional da TVG (un exercicio moi interesante) puiden comprobar que a festa renace con pulo en toda Galicia, sendo múltiples as iniciativas, sobre todo no eido escolar. Mais, tras o artigo de hoxe de Ferrín, o debate volve estar sobre a mesa. Velaí como remata o texto (recomendo lelo completo) do mestre quen, como ben sabemos, non é un celtista convencido:

“O que nos di claramente que a festividade das bruxas e dos espíritos é unha reivención recente tamén en Escocia e Irlanda. A Festa foi lanzada unha vez adoptada como “tópico situacional” polo cine e a televisión norteamericana, que impuxeron Halloweein ao mundo en catro patadas e o mundo obedeceu, como é regra, ao Imperio. En rigor, até onte mesmo, no universo anglosaxón Hallowe´en ou Halloween ou Allhallows era só formas, e non as máis usuais, de designar a festividade realixiosa de Todos os Santos.
A noite de Halloween, do 31 de Outubro ao 1 de Santos, recibe en irlandés moderno, incluido o gaélico de Escocia, o nome de Samain. Aplícase (como en galego Santos) á festa de Todos os Santos e ao mes de Novembro. Do irlandés antigo Samana, a palabra, de raíz indoeuropea moi rendedoira significa orixinalmente algo así como “reunión, asemblea”. Non sabemos se a reunión de Todo os Santos que van en plan Santa Compaña facendo machin-in animados pola voz augardenosa de Louis Amstrong ou ben da reaunión da parroquia dos vivos coa dos nosos defuntiños. O caso é que existe hoxe en Galicia unha corrente ideolóxica celtista que pretende que o Samain ou Samhainn ou Oidche Shamhna, lonxe de ser algo exótico e irlandés ou escocés, constitúe unha celebración auténticamente galega (por celta) e da cal xa se teñen, tendo Ortigueira como punto de irradiación, escrito e difundido unidades didácticas nas escolas.
Vexa como, no tempo dun alustre, un costume imposto polo imperialismo norteamericano (Halloween) se transforma nunha falsa tradición céltica galega. Ou sexa=dunha imposición a unha impostura.”

Etiquetas:
15 comentarios
  1. Colineta
    Colineta Dice:

    Eu so poido dicir que cando era neno, aló pola década dos sesenta, no Valadouro sempre collíamos unha cabaza na horta que as tivera máis grandes e despois de furala e poñerlle dentro unha vela ou unha lanterna, colocabamola nun calexón escuro polo que as mulleres de Ferreira ían cara a igrexa para a misa de oito. E alí nos quedábamos asustando vellas e pasandoo de medo. O costume pasaba duns a outros, non tiña nome, e todos tardamos bastante tempo en escoitar falar do “Jalogüín”.

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Foi o tema de comentário hoje na sala de profes… porque resulta que na Ilha de Arousa faltou a metade do alunado às aulas porque tinham “que ir pedir polos defuntinhos”: vam todos os pequenos polas casas e dan-lhes dinheiro ou golichadas. E nom é Hallowen, é umha tradiçom de toda a vida. Explicárom-na como derivada do feito de que antes as viúvas dos marinheiros pediam neste dia polas portas levando com elas os meninhos orfos.
    O caso é que falando o tema, moitos dos meus companheiros da zona lembravam ter ido de crianças com os cabaços pola noite, sem saber nada de Hallowens ou Samaínes.
    E casualmente a data coincide com a mudança de estaçom, joga com o lume… o que a relaciona com o sanjoam, o antroido, os maios ou o aninovo.
    Nom sei se é tradicionalmente galega, mas tem sentido que o seja.

  3. La del medio de las Grecas
    La del medio de las Grecas Dice:

    No Castelo e noutras parroquias rurais de Pontedeume os vellos falan de que cando eran nenos tamén baleiraban melóns e lles poñían velas nos cruces dos camiños. De aí a que iso sexa Halloween ou o Samaín tal como o venden agora, creo que hai un mundo. Pero algunha tradición había (como a de pasar a noite case de troula nos cemiterios).

  4. SurOeste
    SurOeste Dice:

    iso mesmo lembro eu, La del medio…, e tamén ver con moito medo, porque era moi pequena, desde a ventá do vertedeiro grupos de mozos con moita festa levando un melón aceso dun lugar a outro, metendo medo polos camiños. E era, seguro, na época en que a noite gana ao día. Se cadra é un costume da Galicia norte, e mesmo parece que afinando da mindoniense. Se Ferrín e os ourensáns non teñen esas lembranzas que lle imos facer, pero iso non quere dicir que os demais sexamos papanatas; a min enorgullécem ver aos meus fillos furando melós para lles poñer unha vela, como fixeron os seus avós e traseiros.

  5. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Non, non é costume só da Galicia norte. Onte miña sogra contaba que elas na Ramallosa (Nigrán, no Val Miñor) baleiraban os calacús, colocábanlles candeas e prendíanas nas encrucilladas da parroquia. Que hoxe os estadounidenses promoven esta festa por todo o mundo (como parte da súa cultura global), non ten nada que ver en que teña profundas raíces na súa tradición. En todo caso, as manifestacións culturais dialogan con cada tempo. Como será no futuro o samaín dixital (ou xa o hai)?

  6. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Miña nai (de Pontevedra) lembra como de nova se facía o de baleirar calacús, porlles caras e pór 1 candea dentro. Se a Ferrín non lle vai o do celtismo, vale; pero el non é a autoridade máxima na materia, digo eu (nin en moitas outras). En canto a se somos celtas ou non, parece que as investigacións xenéticas si o confirman (Mario Alinei) e, por outra banda, os irlandeses hai moito tempo que teñen claro quen foron os primeiros poboadores da súa illa.

  7. Cesare
    Cesare Dice:

    Eu son celtista como Brétemas ou máis, pero de aí a pretender que furar cabazas e meterlles lume dentro é unha tradición celta, hai un mundo. Con todo, gustaríame saber qué datos manexa Ferrín pra dicir que Halloween e a tradición de furar nabos e meterlles candeas dentro é algo de “onte mesmo” aquí en Escocia.

  8. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Eu, cando nena, nin idea dese costume das cabazas. O que sí, sen que ninguén nolo aprendera, xuntábamonos os cativos a noite de defuntos no oco dun portal, mellor, canto máis escuro, e, a poder ser, cunha feble luz bambeando no teito, tal coma unha avelaíña agónica, para contar con voces apagadas contos de aparecidos, mentres sentíamos pasar, de man a man, un delicioso calafrío. Ao día seguinte, levábamos de redor do colo un rosario de castañas. Cos dentes e as moas, de cando en vez, íamos debullando os seus misterios.E o ar de morto da mañá de defuntos, iluminábase coa nosa ledicia e co amarelo resplandor dos crisantemos. Nin Hallowen, nin Samaín. Celebrábamos o día dos que están no alén, sempre co nós na casa, enraizados aos nosos pensamentos.

  9. Pablo Eifonso
    Pablo Eifonso Dice:

    Está documentado que nunha aldea africana, seica no Chad, nesta mesma época do ano máis ou menos, os cativos baleiran uns tubérculos que se cultivan na zona e métenlle dentro unhas herbas secas con lume. Forman con elas un semicirco na entrada do poboado. Os seus pais, en lugar de asustarse, ármanlle un cristo de mil pares de cojones por tirar tanta comida habendo tanta fame… algúns lembran que alá polo século XIX, uns visitantes loiros adicábanse á trata de escravos por alí: seica procedían do norte e levaban saias.

  10. Pablo Eifonso
    Pablo Eifonso Dice:

    Celtas, sen dúbida ningunha, á vista da permanencia do costume dos tubérculos. Os estudios xenéticos aínda non se fixeron porque costaban unha pasta e, como é sabido, os países africanos sonche pobres.

  11. Brétemas
    Brétemas Dice:

    No blog deAkin desenvólvese o mesmo debate sobre Samaín. En todo caso, semella un debate nominalista, sobre a procedencia ou non de denominar “Samaín” á festa dos calacús, que ten com fondo a cuestión celtista da nosa tradición cultural. Estou con Pawley que a celebración das cabzas non debe substituír a do magosto, unha festa do mesmo ciclo outonal.

  12. Pablo Eifonso
    Pablo Eifonso Dice:

    Benquerido Bragado, infelizmente penso que chegamos tarde: o proceso de aculturación do que forma parte a introducción mediática do Jalogüín nas nosas vidas tivo éxito. O que me semella máis dramático é a participación entusiasta dos que lles serve calquera cousa para manter viva a súa táboa de salvación e triste expresión da incapacidade de elaborar un discurso político e culturalmente contemporáneo sobre Galicia: o celtismo… con alusións á xenética por medio, que medo!
    Totalmente de acordo con Pawley tamén no da preservación do magosto… aínda que a min encántanme as cabazas, especialmente en sopa, ¡tan doces e sanas elas!

    Saúdos cordiais e disculpas pola retranca das miñas mensaxes anteriores: é galega, non celta.

  13. Mario
    Mario Dice:

    Alegreime moito de ver que o debate segue vivo. Só un par de cousas:

    Nunca souben de Ortigueira “como centro de irradiación”, supoño que será polo do festival celta. Na miña zona o “centro de irradiación” foi sempre a fermosa vila de Cedeira, onde a festa se chama “festa das caliveras” (máis popular imposíbel). Eu creo que a trangallada celtista pouco ten que ver con isto, os mitos prerromanos son comúns en moitas partes do mundo e teñen máis que ver co ciclo estacional que coas civilizacións perdidas.
    Non deixa de ser curiosa a inquina que o Ferrín lle ten á festa, e xa non é a primeira vez que a manifesta.

    En calquera caso celta, popular ou estadounidense, Halloween ou Samaín ou Calacús, seguiremos sendo nós os que decidamos que vai pasar con ela. A min paréceme fermosa e gosto máis dela que dos magostos.

Los comentarios están desactivados.