Quinto aniversario
Hoxe estas brétemas chegan o seu quinto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano) e recibidos 7.308 comentarios, cifras que amosan unha certa ralentización do ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa participación no blog de Xerais (que nun ano e medio de vida superou o milleiro de anotacións) e, sobre todo, a nosa incoporación ao longo deste último ano as redes sociais de Facebook e Twitter, onde comezamos a participar con certa intensidade. A identidade dixital vaise tecendo coa conversa activa que mantemos na rede por medio de diversas ferramentas e redes o que inevitablemente está levando a unha reformulación do papel dos blogs (da súa lectura e da súa escritura). Nesa lideira andamos, participando activamente, dende finais do mes de febreiro, na fantasía de Blogaliza, que hoxe proporciona soporte a unha parte moi significativa e activa da rede de oito mil blogs existentes en galego (xa non me atrevo a chamala blogomillo para non entrar en debates cos máis entendidos no fenómeno ou na conformación de tendencias).
Repasando mes a mes os contidos deste ano recollo algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!», que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe», no que, a pesar de errar no titular da anotación, apuntaba a semente de división social que aquela manifestación supoñia. En marzo, «Comeza o ano Piñeiro», na que recollo as ideas principais da conferencia do profesor Alonso Montero sobre o protagonista das Letras Galegas 2009. En abril, «A discreción do editor», unha breve anotación ao fío dunhas palabras do meu compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa primeira preocupación (obsesión) deste ano. En xuño, «Do libro electrónico á lectura dixital», unha anotación recompilatoria das novidades sobre esta cuestión, o tema do ano da edición internacional. Dos meses de verán, «O futuro de Cultur.gal», texto que reclamaba a creación dunha fundación para dar estabilidade a nosa feira da sindustrias culturais. E dos últimos meses do ano, «Abandonados», un des meus artigos dominicais en Faro de Vigo nos que volvo a denunciar a situación dos sen teito.
A todas as persoas que participan no blog, en Twitter e en Facebook (espazos onde, xeralmente, enlazamos as anotacións do blog), as miñas beizóns e recoñecemento pola deferencia de reparar nelas. Se o tempo, ese ben tan difícil de xestionar, non nos falta seguiremos o noso percorrido, explorando nas brétemas de esperanza.
Parabéns e adiante, que fai moita falta. Somos moitos os que seguimos pasando por aquí aínda que comentemos menos.
Parabéns e que, polo menos, sexan outros cinco anos máis.
Venham mais cinco!! Parabéns polo aniversario. Asino as palabras de r.r.
Pois vou ter k facerme un “geek”, non vai kedar mais remedio k entrar por o aro do face, do twitter, e xa logo hasta do tuenti. Parabens D. Manuel. Sabe vostede k o sigo, ainda k en certas cousas non estemos moi de acordo.
Máis que parabéns, eu gustaría máis de dar as grazas por manter este espazo no tempo. Graciñas, Manuel, segue así por moitos anos.
¡Y a seguir dando guerra por otros tantos o más!
Un abrazo Manolo