Profundizar no cambio político
Afeitos como estamos a escoitar os discursos autocompracentes dos responsables dos partidos, a ninguén pode extrañarlle que se manifesten igualmente satisfeitos cos resultados das locais. Unha cerimonia retórica que non pode agachar nin algúns importantes fracasos nin a consolidación das tendencias que se abriron tras as últimas autonómicas.
- O Partido Popular, a pesar do seu bo comportamento na maioría das cidades, non pode evitar a súa decepción pola perda de 54 das súas maiorías absolutas, feito que suporá verse expulsado de moitas alcaldías e xa de dúas Deputacións, o que arruina a estratexia clientelista que mantivo durante cinco mandatos. Consolídase así a tendencia iniciada nas autonómicas de perda de boa parte dos seus apoios (que por vez primeira se sitúan por baixo do 42%) e de menor implantación nalgúns dos seus feudos tradicionais (os casos moi numerosos da provincia de Lugo e dalgunhas localidades pontevedresas, como Salceda, Nigrán e A Estrada, son moi significativos). Un panorama moi negro para Alberto Núñez Feijoo que na súa primeira convocatoria electoral non consegue remontar o voo.
- O PSdeG-PSOE, a pesar de aumentar en porcentaxe de votos, número de concelleiros e novas alcaldías, non pode ocultar o rotundo fracaso da súa estratexia cesarista nalgunhas cidades onde gobernaba comodamente: A Coruña e Lugo, principalmente, (onde perde a súas maiorías absolutas e retrocede claramente) e, mesmo tamén en Santiago (onde Bugallo foi claramente superado polo candidato conservador). Estratexia cesarista que, coa honrosa excepción de Ferrol (onde Irisarri obtén un resultado magnífico), tampouco funcionou en Vigo, onde Abel Caballero apenas consegue incrementar a porcentaxe de votos en menos dun punto e medio (66 votos), o que amosa as serias dificultades de crecemento dos socialistas na primeira cidade galega. Moi fino terá que fiar o presidente Touriño para, a pesar de contar co poderoso aparello de poder da Xunta, rendabilizar a súa xestión en futuras convocatorias.
- O BNG, a pesar de aumentar o seu número de votos, de concelleiros e de alcaldes en tres das provincias (coa excepción de Pontevedra, onde retrocede por mor do mal resultado de Vigo), non pode ocultar o seu fracaso nas cidades onde perde 24.000 votos (coa excepción da Coruña e, en menor medida, en Lugo). A debacle de Ferrolterra (despois da crise provocada polos seguidores de Rodríguez), o esmirriado resultado de Vigo (ao que non puido ser allea a estratexia da agrupación local de apoiar ao PP na cuestión do PXOM), a imposibilidade de conseguir o “sorpasso” en Ourense ou o serio aviso recibido en Pontevedra (onde pasa a segunda forza), a pesar de que poida conservar esta alcaldía e participar nos gobernos locais de todas as cidades, son feitos que non poden ser considerados como meras notas á marxe. O BNG conta con maiores posibilidades de condicionar ao PSdeG-PSOE (o que constitúe un éxito da súa Dirección), medra nas vilas intermedias (con resultados enormes en Monforte, Carballo ou nos concellos do Morrazo) e mesmo nalgunhas máis pequenas (como en Arzúa, Melide, Teo ou Gondomar) o que constitúen noticias para a esperanza dos que agardamos na ampliación do proxecto político nacionalista. No entanto e lonxe de autogabancias, os seus responsables deben reflexionar sobre cáles son as razóns das súas serias dificultades para consolidarse nas cidades, onde se concentra o 70% da poboación.
Agardamos que o proceso de negociación das alcaldías amose a madurez da política de rexeneración democrática e transparencia que, a pesar das insuficiencias, está abrindo o bipartito. Os cidadáns galegos apostaron por este xogo de equilibrios democráticos. Precisamos máis que nunca de sutileza, respecto e altura de miras por parte dos dous coaligados.
Etiquetas: Locais_2007
Acho que as cotas que bota Zero Vacas no seu blogue, con 67.000 votos de perda do BNG nas 7 cidades entre 1997 e 2007 son suficientemente esclarecedores, sobre todo se temos en conta que desde entón se teñen incorporado ao censo unha boa recua de novos votantes mozos, que desde o nacionalismo non ten capitalizado.
Até estas eleccións pódese dicir que a estratexia de apostar a outro tipo de electorado non urbano, menos ilustrado e independente, ten dado algún rédito noutros lugares e noutras capas da poboación.
Para min trátase fundamentalmente dun efecto de substitució de “vellos políitcos” e “vellas políticas” no que po azar ou por bo facer o BNG se atopaba en mellor situación que o PSOE (na maioría dos casos, aínda que as veces nestes sitios o PSOE tamén é dos “vellos”).
A incógnita, máis ben diría eu, a ameaza está en se esta dinámica de compensación do urbano polo resto ten aínda percorrido, ou se polo contratio apunta a que nunha próxima convocatoria polarizada o voto urbano de excepción e o voto rural de poder ou de goberno non municipal será recollido polos competidores do nacionalismo.
Na miña opinión, o BNG ten asumido o rol de comodín do PSOE. Abonda para ter certo poder. É un drama, cando menos para os que sen filiación partidaria somos nacionalistas/galeguistas que ten moi difícil amaño. O panorama político galego é dunha enorme anormalidade e dunha pobreza tremenda. Só tres forzas non representan a toda a cidadanía galega. Vexamos o caso basco ou catalán e tiremos lectura. Na miña opinión é urxente unha cuarta pata que aporte oxixeno e hixiene ao triste panorama galego. Oxalá me trabuque, oxalá. Mais acho que o Bloque non vai xamais a ser real alternativa de poder. Don da. E seguir así, deixando de lado cuestións de dependencia do DOGA, é un fraco favor que como galegos facemos ao noso país.
Perder 67.000 votos son moitos votos de Deus. E ninguen colle o recado.. Imaxinade se fose unha empresa privada e 67.000 clientes decidiran deixar de selo.
Comparto totalmente co “anonimo” o BNG ten asumido o rol de comodin do PSOE. E unha pena, o BNG ten que aspirar a gobernar e non a acadar os 300.000 votos. Pero para gobernar, tenhen que mudar unhas cantas cousas na frente nacionalista. Mellor dito, tenhen que mudar moitas cousas. Eu por exemplo, quero que sexa mais europeo, que escoite mais aos cidadans, que apoie aos emprendedores, e que faga un discurso mais simple para chegar a toda a xente. Galiza mudou moito nestes anos e parece que eles non mudan o discurso.
Máis simple o discurso aínda!!!
Non, neno, por deus!!!
O que haberá, supoño, será que subir o nivel cultural da poboación, para que poidan acceder a un discurso serio de transformación social, digo eu.
Quizais o grande reto para a esquerda en Galicia é perder a referencia BNG para sempre… e poñerse a facer política activa fóra do populismo nacionalista.
Por outra banda, estou de acordo con anónimo na consideración do carácter asumido de rémora do PSOE por parte do BNG. Resulta altisimamente rendable para eles e escasamente interesante para o resto do País.