Premios Nacionais da Cultura Galega
Onte asistín á gala de entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Non podo máis que felicitar ao equipo da Consellaría de Cultura de Deporte polo desenvolvemento dun acto (un fito histórico e irreversible) moi mimado e axustado, que non perdeu interese e ritmo ao longo dos seus setenta minutos de duración. Subliñaría tres cuestións das que gustei. Primeiro: o seu formato de programa televisivo (producido polo equipo de Miraxes da TVG) o que lle proporcionou axilidade e plasticidade (combinando momentos musiciais e de danza, apoio dos vídeos da fundación Intemperie e a espontaneidade das intervencións dos premiados). Segundo: concederlle todo o protagonismo aos premiados e as súas familias (non houbo discursos institucionais, a pesar de que a ocasión histórica ben os merecía, e os políticos nin sequera estaban nas primeiras filas). Terceiro: ofrecer unha imaxe transversal e plural dunha cultura galega moi ancorada tanto na contemporaneidade (os momentos de Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego foron moi brillantes) como na memoria (os minutos do cuarteto de corda da real Philarmonía, que interpretou a peza de Gaos, acougaron o acto, proporcionándolle un punto de emoción e melancolía). As intervencións foron, loxicamente, moi desiguais. A min gustáronme moito as de Peón, Margarita Ledo, Fierros e, sobre todo, a de Ferrín. Mágoa que o meu admirado Manuel Lourenzo, introducise un innecesario estrambote final no seu parlamento esperanzado, respondido con elegancia sutil por Ferrín. Beizóns para Francisco Novo (o responsable da gala televisiva), para Miguel Fernández e Xandra Tedín (magníficos presentadores) e para a conselleira Ánxela Bugallo e todo o seu equipo. Abriron un camiño de autoestima e dignidade para todo o sector cultural da nación.