Pepa A Loba: a presentación
Onte comezamos a tempada das presentacións coas de Pepa A Loba, a última novela de Carlos G. Reigosa (ilustrada por Miguelanxo Prado) e coa do primeiro título da nova serie de “Estudos Literarios”. Ademais do autor, interviron no acto a profesora Dolores Vilavedra e Ramón Villares, actual presidente do Consello de Cultura Galega.
Dolores Vilavedra, que comezou lembrando que a historia de Pepa A Loba é de todos, expresou o seu convecemento que nesta novela de personaxe, o autor quedara enamorado da súa creación, na medida que Pepa aseñórase de toda a novela, a pesar do indubidable interese ficcional dos personaxes secundarios. “Esta novela, como xa sucedera co Bandido Casanova, serve para explicar o fenómeno do bandoleirismo galego. Ten unha compoñente ficcional e outra sociohistórica”. Con respecto ao volume de ensaios, coordinado por Ángel Basanta, considerouno “un modelo de crítica rigorosa, mais asequible”; amosando a súa satisfacción por coincidir co crítico da Pastoriza na consideración de Intramundi como a mellor novela de Reigosa.
Pola súa banda, Ramón Villares realizou unha intervención na que quixo diferenciar os elementos literarios e histórico da novela. Dende o primeiro, considerouna como “doada de ler, rápida de execución, eficaz. Unha obra cómoda para o lector, que vai o grao, sen digresións. Marabillosa para gozar nunha tarde de inverno”. Dende o segundo, entendeu que a novela ten base histórica, mais non se atén a historia, lembrando o carácter lendario, doutra muller do mesmo tempo, María da Fonte, que promoveu en Braga a revolta de máis de trescentos campesiños. “O primeiro atractivo do libro é que trata dunha muller”, o que permite, sen o autor, seguramente, pretendelo, entender como se vai forxando algo tan complexo como é un mito desta clase. Rematou expresando a súa admiración polo carácter transgresor e heterodoxo do personaxe, que transita por toda esta historia de amor.