Os vídeos de Pérez Varela
Os vídeos de Pérez Varela que publica oportunísimamente La Voz de Galicia non se poden perder: a cultura está rifada coa burocracia, xenial! [Aínda que máis lamentables parécenme, aínda, as declaracións de Fraga que deita toda a responsabilidade do disparate do seu soño nos erros cometidos polos seus colaboradores.] Indubidablemente estes documentos audiovisuais (como as gravacións sonoras adiantadas pola cadea SER hai dúas semanas) deberían ser valorados pola Comisión de Investigación Parlamentaria. Con todo, temo que os resultados dos traballos parlamentarios non teñan outra consecuencia que reiterar o que xa sabiamos ao seu comezo: o megalómano proxecto da Cidade da Cultura foi un capricho de Fraga que vai hipotecar o desenvolvemento das nosas infraestruturas culturais durante varias décadas. Hoxe a prioridade está en poder reconducilo empregando os criterios que non se utilizaron para xestalo: planificación, participación, transparencia, control e máxima austeridade na xestión. O reto que ten por diante a Consellería de Cultura é enorme.