Os medios en galego importan
Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:
Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.
Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.
Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.
Agradécese a difusión do manifesto na rede.
Xa se pode asinar e apoiar o manifesto en
http://www.osmediosengalegoimportan.com/
Jacinto Rey non pode pechar A Nosa Terra sen negociar un plan de viabilidade
SXG
Vigo
Vigo, 3 de setembro 2010.- O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama ao Grupo San José, propietario do semanario A Nosa Terra (ANT), o mantemento do máximo número posíbel de postos de traballo neste medio de comunicación. O SXG critica que a empresa anunciase na prensa a paralización temporal desta centenaria publicación sen presentar ningún plan de viabilidade, malia que os traballadores levan máis de ano e medio reclamándollo a través do seu delegado sindical, elixido pola CIG.
Ademais, o SXG denuncia que a empresa acumula continuos atrasos nos pagamentos dos salarios, que neste intre suman dúas mensualidades. O Sindicato esixe o pronto abono das nóminas, pois A Nosa Terra pertence a un gran grupo empresarial, a construtora San José, que dirixe Jacinto Rey, con capacidade suficiente para facer fronte ao soldo de 25 traballadores.
Segundo a información remitida pola propia compañía ao Rexistro Mercantil, A Nosa Terra facturou en 2009 máis de 1,6 millóns de euros, cantidade de abondo para asegurar a supervivencia do semanario e o pagamento das débedas a curto prazo, que para 2011 e 2012 suman menos de 160.000 euros exclusivamente con Caixanova.
Quen é o dono de A Nosa Terra?
Un nivel de débeda asumíbel pola Construtora San José, principal accionista de A Nosa Terra. O grupo construtor controla a editorial a través da sociedade Promoción Cultural Galega 2007, presidida por Alfonso Eiré, tamén presidente de ANT, pero cuxas accións corresponden en máis do 97% a Udra Medios, filial do Grupo San José e que tamén é accionista maioritario de Xornal de Galicia. É inexacto, malia o publicado nalgúns medios, que Alfonso Eiré sexa o propietario da empresa, unicamente é o presidente que actúa de pantalla ante o verdadeiro propietario, Jacinto Rey.
San José mantén ao fronte aos responsábeis da crise
Ao igual que xa denunciara a CIG nun comunicado antes do verán, o SXG considera que ANT arrastra dende varios anos unha “mala xestión” que de ningún modo poden pagar exclusivamente os traballadores e traballadoras. Uns traballadores aos que se lles ocultou durante máis dun mes a presentación do concurso de acredores do que tiveron que enterarse pola prensa, actuación da dirección de ANT, presidida por Alfoso Eiré, que só merece o cualificativo de inmoral.
San José non pode forzar o peche do que fóra voceiro das Irmandades da Fala mantendo a súa vez ao fronte da empresa aos actuais xerentes, que son evidentemente os responsábeis directos do malgasto e da caída de vendas dos últimos anos.
Responsabilidade da Xunta de Galicia
Ademais da responsabilidade directa e principal dos actuais xerentes, que a pesar de abocar a ANT a esta situación non foron relevados polo Grupo San José, o SXG considera que o actual goberno da Xunta de Galicia tamén ten a súa parte de responsabilidade debido á drástica redución nas axudas aos medios escritos en galego e ao libro escrito en galego.
O SXG quere facer chegar unha mensaxe de apoio tanto ao delegado sindical como á CIG nas medidas que estimen oportunas coordinar ante esta difícil solución.
Por último, o Sindicato chama a todas as administracións a que tomen medidas urxentes ante a continúo feche e despedimentos de medios de comunicación nos últimos meses, especialmente entre os editados en galego. Cómpre lembrar que o Estatuto de Autonomía obriga á Xunta e aos poderes públicos a promover o uso do idioma propio en novos eidos, como os medios de comunicación.