Os 10 libros en galego para ler antes do 18 anos
Tökland faise eco do ránking publicado en ADN sobre os 10 libros para ler antes dos 18 anos. A pesar de que sei dos perigos de facer este tipo de listas, atrévome, para animar o debate, a propoñer a miña (en lingua galega e practicamente todos editados por Xerais), sen establecer prelación entre ningún dos títulos:
- O vixía no centeo de J. Salinger.
- A illa do tesouro de Stevenson.
- Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll.
- O vento nos salgueiros de K. Grahame.
- O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz.
- Arnoia, Arnoia de X.L. Méndez Ferrín.
- A sombra cazadora de Suso de Toro.
- Morning star de Xosé Miranda.
- Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo.
- ¿Que me queres amor? de Manuel Rivas.
Despois de escribir a miña escolma, son consciente da imposibilidade de confeccionar esta lista de “imprescindibles”, xa que me quedan fóra moitos dos meus preferidos. Ben recordo que cando decidimos elaborar outra semellante, á hora de propoñer criterios para a elección de fondos das bibliotecas de primaria, tivemos o mesmo problema xa que nos saían máis de dous centos de títulos. Pois iso, a estes primeiros dez, habería que engadirlle outras moitas decenas. Eis unha proposta para enriquecer e continuar…
Etiquetas: Lectura, Imprescindibles
Tanto a lista de Brétemas, coma as de ADN, están moi ben, pero dende o meu punto de vista en realidade son listas do imprescindible que se debeu ler antes dos 14 anos. Supoño que será cuestión de xeracións; eu aínda non cheguei aos trinta anos, e comentando cunhas amigas hai un anaco este tema, coincidimos en afirmar que antes dos catorce lerámos case todos os libros propostos nas listas. Hai que pensar que se ben é certo que as bibliotecas dos nosos centros educativos non eran unha marabilla, había xa bibliotecas infantís e xuvenís de considerable importancia, como a de Caixa Galiza en Compostela (Rúa Nova), e as vilas pequenas contaban con reservados de esta materia (porén, todo pode mellorar, e ogallá así sexa). A partires dos doce anos xurde a inquedanza de ler outras cousas, como Os Miserables ou O Estranxeiro. Por iso os catorce é a idade real da lista. Insisto, para min é unha cuestión xeneracional. Supoño que na época dos nosos pais, se non se contaba cunha boa biblioteca familiar, o acceso á literatura de calidade era máis complicada. Mais os tempos, por sorte, mudaron, e con eles a esixencia intelectual media para unha persoa nova.
Sempre impoñendo as dichosas listas de lecturas axeitadas para os rapaces…
Deberíamos deixalos escoller a eles o que queren ler. Cadaquén debe atopar por si mesmo os seus libros, que serán o bagaxe para a vida…e unha cuestión persoal.
Aldara paréceme moi atinado o teu comentario. A fronteira da idade é outra leria, poden ser os 14, os 18 ou setenta e tantos. Cada lector vai construíndo o seu camiño, constrúíndo o seu perfil como lector.
Con respecto ao segundo comentario, non se trata de impoñer ningunha lista a ninguén, mais ben en compartir boas lecturas. É moi de agradecer o debate sobre a cuestión das listas, (un camiño entre os posibles), xa que en definitiva o que non pode esquivar o profesorado é conformar un criterio lector entre o alumnado. Eis unha das funcións irrenunciables do sistema educativo.
Todos os títulos citados teñen o seu interese, pero boto en falta, para os 14 ou os 18 anos, dá igual, Frankestein: imprescindible. (Como moitos outros que poderían citar outros/as lectores/as(,
¡Grrr! ¿Por que nestas listas aparece sempre tan pouco teatro, tan pouca poesía?
De tódolos xeitos, coincido en varios dos da escolla, non vaia pensar.
De toda esa selección moi boa, destacaría como lectura eterna O vixía entre o centeo.
Sen ánimo de ofender, usuario anónimo, eu quitaría O vixía Tom Sawyer ou A chamada da selva.
Maldito teclado!
Quero dicir que quitaría O vixía e engadiría Tom Sawyer ou A chamada da selva.
Poderían ser eses dez ou outros dez distintos.Pero xa que falas do catálogo de Xerais, nel hai un obra mestra imprescindíbel para calquera amante dos libros, mozo ou adulto: Fahrenhit 451 de Bradbury
um ponto mais para o edu. tom sawyer e o seu colega huckelberry deveram ser básicos, ainda que só fosse polas adicatórias do twain… e totalmente respetuoso com a capacidade intelectual das pessoas menores de idade, que demasiado amiúde som tratadas de estúpidas.
Eu só teño unha obxción:
– Arnoia, Arnoia??????
Retorno a Tagen Ata!!!!!!!!
…e que foi Das cousas de Ramón Lamote ou O misterio das badaladas?… estaría ben preguntarlle ós mozos entre 18 e 25 anos (que non teñan unha longa traxectoria lectora, e sigan preto da idade sinalada) cales foron os libros que recordan con máis agarimo… igual que nós aconsellamos libros entre os da nosa idade, habería que relacionar ós rapaces e que recomendasen entre a súa…
Estimado Manuel,
Gustaríame saber se poderías recomendarme libros para xoves (14-17 anos) que estén escritos en galego e que traten temáticas de divulgación científica ou ben ficción (novela ou cuento) relacionada coa natureza ou a ciencia. Dende xa moitísimas grazas,
Liliana