Opinións de Roger Chartier
Desque lin Historia de la lectura en el mundo occidental sigo con interese a Guglielmo Cavallo e Roger Chartier. Hoxe Babelia publica unha entrevista co historiador francés na que boto en falta un pouco máis de coraxe para responder ás preguntas claves que todos nos facemos sobre o futuro do libro e a lectura. Con todo, quédome coas seguintes reflexións:
- Os editores electrónicos non lograron o éxito agardado á hora de sustituír o libro impreso en xéneros como a novela, a historia ou o ensaio, onde o lector prefire o obxecto que é trasladable e contén toda a obra.
- Os mozos len máis do que se di habitualmente. O que ocorre é que renunciaron, en boa medida, a formar bibliotecas.
- Os profesores son os auténticos heroes contemporáneos xa que pretenden integrar as manifestacións audiovisuais coa cultura máis clásica.
- A familia, a escola e os medios de comunicación xogan un papel básico de referencia para alentar a lectura.
Está complicado xuntar libros co tamaño das vivendas de hoxe. Eu vivo agora nunha casa grande e non teño máis problema que mercar anaqueis novos, pero está prevista unha mudanza para o próximo semestre e boto a tremer só de pensalo :S.
Saúdos.