Onte 993: Fin da feira do libro de Vigo
Pechou onte a cuadraxésima edición da Feira do Libro de Vigo. Na miña opinión o balance non é plenamente satisfactorio. Ben é certo que os concertos de música infantil organizados por Galaxia foron un exitazo, sobre todos os da fin de semana, como algunhas presentacións e asinaturas de Xerais, singularmente de autores e autoras viguesas. Xaora, nin o número de expositores nin o de visitantes (descoñezo a contía das vendas) acadou as expectativas. Como tampouco me pareceron axeitadas nin as datas escollidas para celebrala, coincidindo cos dez últimos días do mes, nin a ubicación das casetas no corredor exterior da Alameda, que pola súa proximidade ao carril-bus non facilitaba a circulación, chegando a resultar nalgúns momentos perigosa. Como tampouco foi para botar foguetes a escasa presenza publicitaria da feira tanto nos espazos e transports públicos da cidade como nos medios de comunicación locais. Nesta feira da Alamedacontinúa faltanto implicación do concello de Vigo, tanto a nivel da dotación da infraestrutura e dos servizos coma no seu encaixe dentro das políticas culturais e de fomento da lectura locais, moi minguadas no actual mandato de Abel Caballero. Para a vindeira edición é impresindible recuperar o calendario de inicio de mes, non sei se en xuño ou en xullo, como reubicar as casetas e carpas no corredor interior da praza. É imprescindible para iso que o concello de Vigo a Agrupación de Libreiros manteñan un contacto permanente ao longo de todo ano. Vigo merece outra feira do libro, á altura do seu carácter de cidade metropolitana, a actual mantense aínda moi lonxe do pulo da de Coruña na primeira decena de agosto.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir