Onte 891: «Os Gotten« en Andel
Na presentación d’ Os Gotten en Andel esmendrellámonos con Alfonso Álvarez Cáccamo e Gonzalo Navaza. As intervencións do autor e do chufador foron divertidísimas, un prodixio de creatividade lingüística e erudición literaria que nos deixou abraiados e abriu unha grande expectativa sobre a obra presentada.
No seu discurso inicial, Navaza definiu o libro como «once relatos independentes, autónomos, empaquetados polo marco común dunha familia, os Gotten, xa que todos os personaxes das historias son membros desta familia, parodia dunha estirpe vencellada coas letras, a dos Cáccamo». «En todos os relatos proponse ao lector a resolución dunha incógnita familiar, ademais de contar como un dos seus ingredientes cun humor que xoga co absurdo e co espazo do fantástico». «Todos teñen en común, tamén, estar escritos en primeira persoa, ben sexa polo narrador autorial ou por ser textos a el remitidos, o que lle achega máis verosimilitude». Foi debullando despois Gonzalo cada un dos relatos. Do primeiro, «Adiccion« sinalou que constituía unha sátira sobre o propio gozo da literatura. De «Temperatura corporal» que mesturaba o fantástico co humorístico. De «Labirinto« que abordaba as leis de irreversibilidade do tempo e da morte, constituíndo modelo de relato fantástico. De «Tres andares» que lembraba a algún conto de Cortázar, xente que vive en tres andares diferentes dun mesmo edificio e constrúe unha historia común. De «Tanto tempo sen verme» que homenaxeba a outro de Borges, parodia daqueloutro personaxe que se encontra a si mesmo, «un relato no que Alfonso xoga coa primeira e coa terceira persoa, realizando un exercicio de grande habilidade lingüística». De «A carta ás fillas» a súa ambientación na primeira Guerra Mundial. De «Patadas ás pedras», salientou o seu carácter desconcertante, «podería ser considerado unha parodia do conto de Poe protagonizado polo orangután». Concluíu referíndose a «O anano invisible», un relato nas liñas clásicas do fantástico, «un libro, pois, construído sobre as incógnitas que non debemos desvelar na presentación».
No seu discurso, Alfonso Álvarez Cáccamo homenaxeou ao escritor Cid Cabido, «foi el quen espertizou este libro, compartimos moitas risas, xa que a el lle gustan coma min o humor provocado polos xogos de palabras o que eu defino como “frases con nata”». A partir de aí comezou un memorable diálogo entre Cáccamo e Navaza onde se debullaron cento e unha destas frases do seu elucidario.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir