Onte 824: «A illa de todas as illas»
No serán de luns participamos na Coruña na presentación d’ A illa de todas illas, o libro escrito por Xabier DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas, no que reivindican o relato de aventuras como eixo da formación do criterio do lector literario.
Foi unha grande beizón contar coa presenza de Agustín Fernández Paz que pronunciou un fermoso discurso (Tati Mancebo gravou a hora e vinte do acto, mil grazas) sobre illas, viaxes, libros de aventura e lectura, compoñentes esenciais d’ A illa de todas as illas de DoCampo e Cobas. Unha obra que Agustín cualificou como «un libro de libros, un libro porta, un libro canle, que ten a pretensión de engaiolarnos e levarnos a outros libros, a algúns deses libros do xénero de aventuras». «É unha invitación afervoada a visitar, ou a revisitar a quen xa o fixeramos, os libros que tan felices nos fixeron nalgunha das etapas da nosa vida. Unha invitación que os autores realizan a través dunha dobre vía. Primeiro a través dun relato que conta con todos os ingredientes da novela de aventuras: unha illa deshabitada, non moi lonxe de costa; unha illa co seu aquel de misterio, xa que existen lendas; unha viaxe a esa illa, a bordo do Andoriña; tres persoas adultas, unha delas mulleres, tres persoas situadas na etapa da infancia, unha delas nena; un feito extraño, que nos vai permitir transitar do real ao fantástico, a néboa altera a percepción das cousas, e o sentido das distancias e a orientación…» «Atrapados nesa néboa os tres rapazas vivirán unha aventura marcada por unha serie de encontros que paso a paso os emparentará cunha serie de aventuras que os lectores nalgúns casos nos soarán ou que identificaremos no epílogo, extenso e intenso, onde se explican de onde saíron os personaxes e onde se produciron as aventuras presentes en libros e películas». «Unha obra que hai que lela e sentir, sentir o que un dos rapaces lle di ao outro, “eu so sei que calquera cousa pode pasar nun libro, cando estás a ler un libro, cando les sen atender a cousa ningunha que non sexa o que estás lendo todo o que alí sucede pásache a ti, e todo o que che pasou pola túa cabeza mentres lías acaba por aparecer no libro. Ler é iso”. Unha versión curiosa, como vedes, da teoría da recepción» Agustín rematou o seu discurso do seguinte xeito: «Se este libro é unha porta construída con imaxes requintadas e palabras poderosas, só me queda dicir, abre as portas e entra».
Xabier Docampo comezou as súas palabras recollendo o fío daqueloutras de Agustín, «A illa de todas as illas é un libro que nace dos libros. Lin vinte e seis novelas das que seleccionei sete». «Primeiro foi un conto para publicar en castelán. É un tributo ás illas que todos habitamos na adolescencia, os libros que contribuíron a conformar o imaxinario que nos mantivo, as obras coas que soñamos con soños marabillosos e con pesadelos, as obras que limos entusiasmados e cando as limos despois comprendimos doutra maneira». «Quixen facer un tributo ás novelas que a todos nos marabillaron. O tema do libro é a lectura. Os que estamos na LIX estamos participando no proceso de formación do lector literario. O que pretendo é que os rapaces lean as sete novelas que cito». «Tiña que suceder algo que sucede na illa do tesouro, os rapaces ao final da novela tiñan que ser distintos ao comezo, para min iso é a lectura». «Este é un libro sobre a lectura. Pretendín que os lectores vaian aos libros. Esta é a razón pola que non traducín os fragmentos dos diarios de Robinson». Referiuse DoCampo a súa fascinación por A illa do tesouro, «a mellor novela que se ten escrito». «Desque a descubrín aos oito anos, fascinábame John Silver, atraíame o mal, o que me obrigou a confesar co Braña vello, que só falaba castelán: ˝Ya lo sabía yo. Eso pasa por leer los libros que no hay que leer. Se lo voy a decir a tu madre”. Entón comprendín que os libros falaban de min, que ler é buscar nos libros o que falan de ti, ler é procurar ese libro toda a vida». «O momento de máximo esplendor dun libro é cando ti o les. E o momento de máximo esplendor da literatura de aventuras é o da adolescencia». Docampo insistiu na idea de que «somos os lectores os que damos o adxectivo ao libro», «os libros son para o momento que unos le». Rematou o seu parlamento falando da súa experiencia con Xosé Cobas, «participar con el na ilsutración é un momento de gran felicidade».
Pechou as intervencións Xosé Cobas que percorreu con detalle as trinta e cinco imaxes do libro proxectadas na pantalla. Comezou salientando que, ademais do rexistro propio do libro ilustrado, utilizou o doutras especialidades, «como o narrativo do cómic e o do álbum ilustrado». «Bolboretas e O libro das cidades imaxinarias foron libros con carga poética e con ilustración metafórica, porén A illa de todas as illas é fundamentalmente narrativo, a pesar de que hai elementos metafóricos como os da cuberta, onde se concentra a esencia do libro». «Na ilustración da portada as velas fan referencia á navegación; as atmosferas, á brétema na que están inmersos os tres personaxes, esa dualidade crea un conflitivo compositivo, o libro está cheo de retos; a arquitectura da propia torre, con escaleiras que non conducen a ningures. remite aos camiños que percorren os rapaces na propia narración».
A nosa gratitude a Tati Mancebo pola gravación da presentación e a Daniel Bello pola fotografía.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir