Onte 788: «Livro das horas» de Nélida Piñón
Interesoume moito o Livro das horas de Nélida Piñón, unha obra narrativa híbrida, entre a memoria, o ensaio e o relato autobiográfico. Un texto de madurez literaria e humana, onde a narradora carioca, pasados os seus setenta e cinco anos, confesa o seu amor coa palabra, coa narración e co seu oficio literario, mantendo, pola contra, unha enorme discreción sobre a súa intimidade, que só rompe amosando o seu agarimo con Gravetinho, o seu canciño. Un libro cuxo protagonismo principal está na reflexión sobre o proceso de creación literaria («o texto é unha sombra adversaria á que lle dou vida»), mais tamén na confianza nas posibilidades creativas lingua («amo a lingua lusa, grazas a ela entendo que as linguas do mundo forman unha soa») e nas posibilidades dos mitos e das lendas, que corroen a lóxica e a racionalidade, para agrandar o horizonte do creador.
Un libro escrito cunha primeira persoa moi potente, onde a autora ficciona a súa propia vida, onde nada da realidade resulta alleo para ela e onde expresa a súa convicción de que é a imaxinación a razón para vivir e que «envellecer non a leva a renunciar ao privilexio da arte». Piñón confesa nestas páxinas vibrantes, enchoupadas de referencias á mitoloxía clásica e á música culta, que sempre tivo «apetito de almas», o que para ela funcionou como motor principal da súa obra ficional. Confesa, tamén, a súa amizade con Clarice Lispector, a súa experiencia como presidenta da Academia da Lingua Brasileira e a súa confianza incondicional nos seus lectores: «Non teño fillos, pero si lectores, capaces por si propios de defender a civilización contra os avances da barbarie».
Particular interese teñen as (seis) páxinas memorialísticas sobre Borela, a aldea do concello de Cotobade, onde naceu o seu pai, e onde ela viviu durante dous anos (marcantes) da súa infancia. Páxinas extraordinarias, evocadoras daquela Galicia rural dos difíciles anos corenta, escritas coa emoción da lembranza da avoa Isolina e do avó Daniel, «que afinou a miña natureza de narradora e me induciu a aprezar as comidas que tiña diante». Como tamén son emocionantes as referencias á celebración das festas de nadal e do cocido familiar, o polbo e bacallao preparado ao xeito da illa de Arousa, «ambos os dous pratos bañados en aceite, con allo, pementón dóce e a melancolía da familia». Orixe galega, da que fachendea Nélida nestas páxinas coma parte da súa ascendencia inequivocamente europea, á que a axudou a encamiñarse «a Homero, a Cervantes, a Dante, a Shakespeare», a amar a «Velázquez e a Vermeer», a oír dende pequena na radio, mentres facía os seus deberes na casa de Botafogo, a «Mozart, Beethoven, Wagner e Verdi», «un caleidoscopio que aínda hoxe propicia o meu tránsito polas artes», xa que «levaba comigo esta entidade chamada Europa». «O meu pai falábame do continente da outra banda do mar. Facíame crer que decontado me levaría a coñecer Borela, a aldea que describía con vehemencia, mentres cuestionaba en alta voz a razón de ter sido expulsado das súas fronteiras».
Nun libro con numerosas frases memorables a subliñar, entre outras, quedo con estas:
«Non estamos preparados para a vida e somos imperfectos para a ficción.»
«Admito que a vida está feita de treguas, ás veces difíciles, ás veces asombrosas.»
«Cada día aprendo a amar. A familia, os amigos, a lingua, as instancias da vida e da arte.»
«Quen dorme de máis corre o risco de expulsar a corrente de sangue da poesía.»
«A vocación do amor é amar a quen está cerca.»
«Cada día aprendo a perder as pequenas utopías e os ideais indómitos.»
«A literatura, tras a morte do autor, deixa atrás como legado os bosquexos de esceas vividas.»
«Aprendo a amar. Unha arte difícil, ningunha norma me orienta.»
«Fachéndome dun oficio que fixa no papel as emocións propensas a perderse. E que, para tal fin, vai á caza do ouro, da corteza de pan.»
«Aínda que a arte non fose síntese do mundo, era áncora e compás.»
Actualización (18:00): Acabo de saber polo facebook da Libraría Paz que o vindeiro martes, 12 de novembro, Nélida Piñón estará ás 20:00 horas na Casá das Campás de Pontevedra presentando a edición en castelán do libro publicada por Alfaguara. O acto será presentado por Salomé Álvarez Blanco e organizado pola Asociación Cultural e Medioambiental Canon de Pau de Cotobade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir