Onte 712: O paseíño de Ribadumia
Rajoy concedeulle ao Partido Popular de Galicia o protagonismo do paseíño de Ribadumia. Apenas oitocentos metros para ser acompañado no seu esforzo atlético por vinte dos mandos galegos máis escollidos, acompañados polo agarimo das cámaras e moi lonxe da incomodidade dos micrófonos. Un paseíño saudable, un xesto deportivo previo a un cumprido xantar galego (seguro que baixo unha carpa) de polbo e carne ao caldeiro cun cento de dirixentes coidadosamente convidados por Rueda e Louzán. Un limiar, tamen, da mobilización do vindeiro sábado en Soutomaior na que, por fin, o presidente anunciará a saída da crise económica.
Para os responsables do gabinete de comunicación de Rajoy a intención do paseíño de Ribadumia é expresar o acougo do presidente no seu retiro galaico, alleo ás mentiras de Bárcenas e de Pedro Jota e aos ruxerruxes e intrigas madrileñas do partido. Para os responsables do PPG, o paseíño é outra demostración do peso e da influencia sobre o presidente da organización galega, capaz de arroupar a Mariano nos transos máis difíciles. Mágoa que estas intencionalidades mediáticas se fagan a costa da dignidade dos medios chamados para fotografar o paripé e a percorrer en diferido as pegadas dos zapatos (as zapatillas son para os paseos de seis quilómetros) de Rajoy. Con todo, ao paseíño de Ribadumia pode tirárselle máis miga do que parece.
Teño para min que tras o estraño empeño da presidencia do Goberno por parte de Rajoy vai ser moi difícil para o Partido Popular de Galicia volver upar a un dos seus dirixentes an Madrid. Nas fotos do paseíño percíbese que o fulgor de Feijóo decaeu un chisco. O noso presidente semella triste. Tan activo hai un par de anos nos medios madrileños, nesta lexislatura diminuíu notablemente a súa aura e xa non se presenta con aquelas ínfulas de renovación que acredita a condición de sucesor. Un decaemento ao que non foron alleos nin os efectos das fotos co narcotraficante Marcial Dorado nin a aparición das informacións sobre unha posible conexión galega do caso Bárcenas e de presunto financiamento ilegal do PPG, probablemente filtradas dende as proximidades de Genova.
Como tamén é significativo que na comitiva deportiva non apareza en posicións destacadas (mesmo non sabemos se participou no xantar) o responsable do partido (e da deputación) en Ourense. Un «detalle» que expresa xerarquía, mais que con certeza non se repetirá en Soutomaior. Como tamén é salientable a presenza protagonista de Carlos Negreira (un home que non perde o sorriso), responsable do PP na Coruña, íntimo de Feijóo, como do conselleiro Hernández, asumindo ambos os dous cada día un maior protagonismo nos medios. Dos dirixentes populares vigueses, amortizada Corina Porro, xa só queda Chema Figueroa e Enrique López Veiga, confirmados así como aspirantes a baterse en duelo co alcadismo de Abel Caballero. Así é de sufridiña a política popular.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir