Onte 706: Bóveda, Lorca e Casal
Nesta fin de semana lembramos o asasinato hai setenta e sete anos de Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Federico García Lorca, tres figuras que representan o noso ideal republicano e galeguista. Esta coincidencia fatidica da historia, aparentemente caprichosa, é explicable polo fanatismo fascista que escolleu como opción política o aniquilamento físico dos seus contrarios. Unha estratexia estarrecedora que, dende o alzamento militar, segou a vida (só en Galicia) a 4.600 persoas e vitimou a máis de 14.000 persoas, segundo o reconto do proxecto interuniversitario «Nomes, Voces e Lugares» (magoadamente paralizado pola falta de apoio público). Un xenocidio, que non pode ser esquecido nin agochado, do que estas tres figuras constitúen apenas insignia de dignidade. A recuperación da memoria destas vítimas, como afán colectivo e apartidario, constitúe un alegato contra a impunidade e, tamén, contra a hexemonía da falsa «memoria dos vencedores». Recoñezamos que aínda queda moi lonxe o consenso preciso para construír unha nova memoria colectiva, na que Bóveda, Casal e Federico ocupen o lugar que lles corresponde.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir