Onte 697: Enganados
Estabamos enganados, moi enganados. Segundo declararon onte os presidentes de Adif e Renfe no Congreso o novo treito ferroviario Ourense-Santiago «non era de Alta Velocidade, senón unha liña convencional pola que se corre a 200 km/h». Xa pouco importa agora insistir en que na propia web de Adif continúa dicíndose o contrario nin na decepción cidadá que supón saber que neste treito se renunciou (apenas oito meses antes de ser inaugurado) a implantar o ancho de vía europeo e as medidas de seguridade que conleva. En definitiva, desde onte, temos a certeza de que o AVE de Ourense non era tal AVE, apenas un tren moi rápido que utiliza uns sistemas de seguridade incapaces, se fose preciso, de corrixir a condución manual do maquinista. Polo tanto, temos a certeza que durante varios anos a cidadanía galega foi enganada polos responsables do Ministerio de Fomento e das empresas públicas ferroviarias, Adif e Renfe. Mentíusenos de forma descarada sobre as características e condicións do servizo público que se nos ofrecía. Haberá hoxe outras novidades na comparecencia de Ana Pastor? Asumirá alguén as responsabilidades políticas desta mentira?
E porqué non se organiza unha manifestación cidadá e cívica na defensa do maquinista e coa intención de ddemostrar que os cidadáns somos conscentes que Renfe, Adif e os políticos de turno son os verdadeiros culpables e que teñen as mas e as concencias terriblemente cheas de sangre. Non. Non sucederá. Saúdos. Dimitri