Onte 652: Díaz Castro
Aledoume o serán coñecer o nomeamento do poeta chairego Xosé María Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014. O autor de Nimbos e de poemas inesquecibles como «Penélope», «Monumento á ausencia», «Terra achaiada» ou «A cerna» ben merecía esta homenaxe, maís aínda no ano do seu centenario. Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta esencial que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados na nosa lingua: «A lus do mundo é a que arde nunha bágoa». No cemiterio de Guitiriz, na súa lápida pódese ler a frase: «A beleza feriume para sempre». Beizóns a Alfonso Blanco Torrado, presidente de «Xermolos», primeiro biógrafo do poeta dos Vilares, á comunidade educativa do IES Díaz Castro de Guitiriz e a todas aquelas persoas que teimaron pacientemente da candidatura diazcastriana. Volveremos decote sobre o poeta dos nimbos de luz.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir