Onte 647: Sés «co xenio destrozado»
Desque o venres merquei o disco en Andel estou enganchado Co xenio destrozado, o segundo cedé de Sés. Un disco xenial, marabilloso, memorable, potente. Unha voz engaiolante capaz de enluvarse en cada tipo de canción. A madurez dunha cantora e compositora en estado de graza. Unha ducia de temas imprescindibles, unha variedade musical espectacular, un catálogo dos ritmos máis clásicos do rock e da música popular hispanoamericana, dende a balada, a milonga, a rancheira, o blues, os ritmos doces do Caribe, mesmo o tango, até varias xeracións do rock and roll máis xenuíno. Un prodixioso catálogo musical no que aínda brillan máis unhas letras (todas elas rimadas por Sés) que avalan entre a denuncia da desiguldade, a reivindicación da esperanza e a proclamación do amor e o desamor máis arrebatado. Cancións inesquecibles como «Concordia de papel», «Milonga de aquí» (un auténtico manifesto dende a insurxencia dese este recuncho do mundo), «Rebelarse a conciencia», «Boto en falta unha ilusión», «Se non podo ir onde ti estás» ou «Unha mañá de setembro»… Este é un disco de denuncia do conformismo, un auténtico ciclón de entusiasmo do rock and blues. Cantando en galego, con letras significativas cen por cen, esta bluseira con alma de pandereteira, a Patti Smith de noso, aventuro vai abrir unha nova fronteira para a música en galego. Co xenio destrozado é un disco moi recomendable. Beizóns Sés!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir