Onte 633: Bautista Álvarez narrador
Dediquei unhas horas da tarde do domingo a preparar o borrador do texto de contracuberta de Retallos daquela infancia, o libro co que Bautista Álvarez debuta como narrador. Efectivamente, aos seus oitenta anos, o membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista publicará en Xerais o vindeiro mes de xullo dezasete relatos, que confesa «andan cerca das memorias», ambientados na súa infancia no seu territorio familiar da aldea de Loucía da parroquia de Lás do concello de San Amaro, preto do Carballiño. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeana dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura.
O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que contar o Cara el sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades…
Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua literaria de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX. Retallos daquela infancia pode ser unha das sorpresas narrativas deste ano.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir