Onte 522: A renuncia de Ratzinger

A renuncia de Bieito XVI é unha decisión honesta e coherente para evitar aquel espectáculo lamentable que foi a agonía pública de Wojtyla. Co histórico «xa non teño forzas, recoñezo a miña incapacidade para desenvolver o meu ministerio», Ratzinger asumíu a súa finitude, a súa condición de ser humano que xa non está nas condicións óptimas para desenvolver o labor para o que foi elixido. Un comportamento moi infrecuente, contracorrente, moralmente valioso, que agardo chegue a marcar tendencia.

Instalado na soidade vaticana e nas intrigas políticas da vaticalia e do seu vatileaks, o alemán intentou, ao longo do seu mandato, limpar a imaxe luxada da igrexa, tras medio século de abusos a menores, e mesmo chegou a recoñecer «os pecados e os delitos» cometidos por esta causa. Non tivo moita fortuna para facelo xa que debeu lidiar coas presións á contra dos poderosos movementos ultras (Lexionarios, Opus e Comunión e Liberación) incapaces de asumir esa lacra, grupos que se fixeron fortes na curia e no seu entorno durante o papado de Xoán Paulo II. A súa alma tridentina tampouco o axudou, levouno a un comportamento escasamente ecuménico, pechando vías de diálogo con outras igrexas, impedindo calquera avance sobre o papel das mulleres na igrexa (e na propia sociedade) ou mesmo a vacilar na negación do Holocausto coma un crime contra a humanidade.

Comentario á parte desta renuncia merece o feito de que esta primicia mundial saltase grazas ao coñecemento do latín de Giovanna Chirri, unha xornalista vaticanista da axencia italiana Ansa, demostrando canto axuda o coñecemento de linguas (aínda que sexan mortas) no xornalismo (e na vida).

1 comentario
  1. Maeloc
    Maeloc Dice:

    Si, malia o “tridentismo” do papa que marcha, ao final comportouse de maneira exemplar e digna, mais un servidor non agarda que este comportamento papal chegue a marcar tendencia, nin na igrexa católica nin nas corporacións partidarias laicas, o que é unha mágoa. Porén, algo xa foi algo, que tampouco non é pouco.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *