Onte 42: O embigo do mundo
Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde, nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.
Felicidades por ese espectáculo que nos ofrecestes o venres. Aquí che deixo un vídeo caseiro por se vos interesa http://www.youtube.com/watch?v=N-tsAq0X9vo