Onte 1956: “O trapecista da malla de rombos”, homenaxe a Benposta
Onte a presentación no Liceo de Ourense da novela de Alberto Canal O trapecista da malla de rombos constituíu unha homenaxe a Benposta, a cidade e circo dos muchachos do padre Silva. A proxección de imaxes do circo, recuperadas da colección de Nodo, e as intervencións de Francisco Muradás e Jainer Barros, veteráns cidadáns benposteños e membros do circo, foron enfiándose coas do autor e o editor. Alberto Canal confesou que foran motivacións emocionais as que o levaron a escribir esta novela. “Lembro que o día que lin no xornal a noticia do falecemento do padre Silva foi o mesmo no que lin que o fundador do Circo do Sol acababa de mercar unha viaxe espacial. Ese impacto entre dous modelos tan diferentes de entender o circo e a vida leváronme a escribir esta novela”.
Canal recoñeceu que tamén influira na escrita desta novela o feito de que desde pequeno coñecia a experiencia da “gran aventura” e cando estudara no seminario coñecera tanto o circo como a cidade dos muchachos: “impresionárame o feito de ser un circo de nenos, ou o feito de ter que para entrar en Benposta había que pasar a alfándega, mudar as pesetas en coroas”; “naquela primeira visita todos saímos namorados da trapecista do circo e a min espertoume a ilusión de facer malabares, algo do que nunca esqueces”. O autor expresou que “a novela ten unha escrita máis sinxela que as anteriores, pretendín mirar polos ollos dun neno de dez anos, cando xurde o conflito de Benposta, cando se atopa que aquela utopía de repente se transforma en distopía a causa da especulación urbanística, coa que loitará para tratar de salvar o circo”. A seguir o autor contou a emoción que lle producira o feito de que a irmá de Andrés Castro. un dos acróbatas que aparece na foto de cuberta, tomada en Australia, se puxera en contacto con el, expresándolle a importancia para ela da novela.
Rematou Alberto Canal afirmando que “o Circo de los muchachos” é unha das grandes empresas que deu Ourense e Galicia polo mundo. Aféctame hoxe como cidadán que un patrimonio material e inmaterial como o de Benposta non se lle dea o valor que merece. Benposta é susceptible de ter proxección cara o futuro. Hai a posibilidade de crear alí un gran centro de interpretación da que foi a última gran utopía do século XX protagonizada por nenos. Por fortuna o Poliedro segue en pé. Gustaríame que Benposta tivese futuro, mesmo a pesar do proceso xudicial en curso”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir