Onte 1867: “Once portas” de Héctor Cajaraville, presentación en Compostela
No noso primeiro acto na Feira do Libro de Compostela, presentamos no serán de onte Once portas, a obra coa que Héctor Cajaraville gañou o Premio Ánxel Fole de narrativa curta 2016. Once portas é unha noveliña, escrita con precisión e economía, hibridada entre os xéneros histórico e o fantástico, coa que o autor homenaxea a Compostela e coa que ofrece, dende os territorios da ficción, unha intriga sobre a fundación da propia cidade. Singular, distinta a calquera das súas novelas anteriores, Cajaraville consolídase con Once portas como un dos narradores máis orixinais e versátiles da actualidade, capaz de xogar nun mesmo texto co rigor do relato histórico e a imaxinación do rexistro fantástico.
Comezou a súa intervención Héctor confesando que “este libro comeza aquí onde estamos, no paseo da Alameda, un día da Ascensión de 1929, tamén nunha carpa, onde o mago Bunda tiña a súa consulta e onde lle revelará a Guillerme un segredo sobre a cidade de Compostela que ninguén coñece”. “Ningún lugar sería máis axeitado para presentar este libro que este no que estamos”. Cajaraville relatou a orixe da novela, escrita despois de rematar tres libros que escribira de forma case simultánea: “para facer un descanso comecei a ler libros sobre historia da cidade na Biblioteca Ánxel Casal e topei con datos moi precisos sobre a muralla de Compostela, que tiña 5 metros de altura, unha anchura de 2,5, unha extensión de case 2 km e máis de 50 torreóns, como correspondía a unha gran cidade medieval. Unha muralla da que só queda en pé a porta de Mazarelos, mais que deixou vestixios no rueiro, a rúa das Ameas, a praza da Atalaia, a Virxe da Cerca, a rúa do Peso…, nomes que deixaron un vestixio inmaterial”.
“Reparei, tamén, nas portas da muralla, as sete das que se fala no Códice Calixtino, mais nas outras , portas e poxigos, que eran máis pequenos, abertas despois. En total había constancia de dez, mais de cando en vez aparecía na documentación outra máis, o Poxigo do Souto. Con ese elemento comecei a escritura da novela que acabei en apenas un mes e medio de traballo, mais que logo reescribín completamente en varias ocasións, de xeito que aquela primeira versión apenas ten que ver coa final premiada e publicada. Un libro no que homenaxeo a Compostela e no que mesturo o histórico e o fantástico”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir