Onte 1843: A cabezada de Beauvue
A cabezada de Beauvue no minuto 89 decidiu o excelente partido europeo do Celta. Un remate marabilloso, tanto na execución plástica e técnica como na concepción da xogada atacante nacida dun pase de trinta metros de Iago Aspas sobre Hugo Mallo, onte o mellor dos celestes, quen dende a banda dereita centra de forma prodixiosa creando unha parábola rota por un corpo celeste que aparecendo de forma imprevista muda a orientación do balón cara ao pao longo, moi lonxe do alcance do porteiro ruso.
Un gol inesquecible que, tras once meses lesionado por unha gravísima rotura do talón de Aquiles, devolve ao dianteiro guadalupeño a autoestima imprescindible para volver ser futbolista. Unha xogada decisiva que resume en apenas vinte e cinco segundos o carácter dun deporte no que, a pesar do lamentable tinglado económico de televisións, apostas e outros negocios, a creatividade, a intelixencia, a vontade e o afán de superación dos futbolistas e dos seus adestradores continúan sendo ingredientes nos que acreditar de forma inocente.
Eis a razón pola que todos, os futbolistas, o adestrador e os seu cadro técnico, como os seareiros, celebramos esta cabezada de forma tan entusiasta. Sabiamos que máis alá do seu valor na difícil eliminatoria (que quedou aberta) celebrabamos a recuperación dun ariete que despois dun ano de durísima loita en solitario volvía a selo. O fútbol, ese milagre nacido dun instante que sempre nos asombra.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir