Onte 1791: Festival Agrogay da Ulloa, premio do público Culturgal 2016
Recupero a intervención que lin onte na entrega do Premio do Público do Culturgal 2016 ao Festival Agrogay da Ulloa. Parabéns e gratitude para eles, como para Numax e GCiencia, candidaturas participantes neste premio que pretende contribuír a visibilizar iniciativas culturais destacadas que se desenvolven no país.
Benvidas e benvidos a este acto que ten un significado moi especial dentro da programación de Culturgal 2016. Hai catro anos creamos un premio que pretendimos constituíse unha plataforma de visibilización para as iniciativas culturais máis destacadas existentes en Galicia, fose pola súa singularidade, polo seu calado, polo seu seguimento, pola súa traxectoria…
En 2016 propuxemos ás asociacións integrantes de Culturgal que as propostas xirasen arredor do lema desta edición da feira: «Cultura, Comunidade, Futuro». Un leiv motiv que nos conduce ao que podemos facer por nós mesmos se traballamos en rede, se innovamos, se construímos horizontes. As asociacións aplaudiron que as propostas deste 2016 fose novas «pero sobradamente preparadas», é dicir, un proxecto de recente creación pero xa cun forte prestixio, seguimento e singularidade. E certamente as tres propostas cumprían esas premisas: NUMAX, o cinema e laborarorio gráfico cooperativo, radicado en Santiago; Gciencia, o portal da ciencia galega e o Festival Agrogay da Ulloa, que foi finalmente a candidatura gañadora nunha competición en liña e popular que contou cunha altísima participación.
«Para entrar tes que saír» e «Entra por onde saíches». Eses son os lemas que se podían ler na entrada de acceso da segunda e terceira edición, respectivamente, do Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Cumbraos, no concello lugués de Monterroso. Dar maior visibilidade e reivindicar a diversidade afectiva, sexual e vital no rural, dinamizar e axitar culturalmente a comarca, así como organizarse para dignificar e recuperar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e do impulso de lazos cooperativos son algúns dos obxectivos centrais desta iniciativa, que xa atrae a público de fóra de Galicia.
O Colectivo Agrogay da Ulloa ten como principal obxectivo visibilizar a diversidade tanto social como natural. Ademais, aposta por mostrar e defender outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecofeminismo. O festival celébrase nos terreos da Granxa Maruxa, en Cumbraos, detrás da cal está a urbanita reconvertida en granxeira, Marta Álvarez Quintero, unha das organizadoras do festival xunto, entre outras persoas, a Braulio Vilariño e o músico Davide Salvado, todas elas pertencentes á Asociación Agrogays da Ulloa. Hoxe contamos coa presenza de Braulio e Marta.
O termo «agrogay» tal como o entenden na Ulloa propón tamén outro modelo gay fronte ao imperante nas urbes, asociado nalgunhas ocasións á vida en guetos ou ao consumismo. Música ao vivo, teatro (na edición 2016 contaron coa compañía Chévere), feira de artesanía, cine ou obradoiros son algunas das actividades que forman parte do programa deste festival autosustentado e sen ánimo de lucro, que non recibe axudas institucionais e no que o público debe abonar unha entrada para financiar os gastos do evento. A organización facilita a mobilidade en autobús entre os diferentes espazos do festival (granxa, concello e área natural de A Peneda). E aínda que pareza unha obviedade, na organización reseñan que «non fai falla ser gay para vir e gozar do Festival Agrogay, nin tampouco vivir na aldea. Simplemente estar dacordo cos valores que defendemos».
Para Culturgal é un pracer outorgar hoxe o Premio do Público 2016 ao Festival Agrogay da Ulloa. Agradecidos por prestarse a este xogo e agradecidos porque para nós este premio é unha ferramenta tamén para comunicar, para enriquecer o proxecto Culturgal, para difundir e difundirnos. Grazas!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir