Onte 1737: As bolsas de Eroski
No eroski do meu barrio agotáronse nunha mañán as novas bolsas de compra reutilizables ilustradas con fermosas palabras en galego (agarimo, cogumelo, orballo, xoaniña, anduriña, larpeirada, feitizo, morriña, lóstrego, folerpa, bico, bágoa, “volvoreta”…). Un éxito rotundo para outra iniciativa privada de promoción da lingua galega utilizada de forma fachendosa como mellor reclamo para a fidelización da súa clientela. As bolsas de Eroski, como as iniciativas recentes de Estrella de Galicia, expresan a capacidade inclusiva da lingua galega capaz de achegar un valor engadido de afectividade,orixinalidade e identidade que conecta de forma natural coa maioría social do país. Ben merece Eroski, empresa vasca que utiliza decote o galego no sinalamento dos seus produtos no punto de venda e na súa magnífica revista Consumer de saúde e alimentación, todas as nosas beizóns, mentres agardamos con facernos cunha destas bolsas nunha nova tirada.
Bos días,
O deseño desta bolsa é moi orixinal e unha boa iniciativa a favor da nosa lingua,Solo quería facer un apuntamento ao artigo.
A empresa responsable desta iniciativa non é EROSKI, a empresa vasca senón Vegalsa-Eroski, empresa galega, que xestiona os Eroski Center e Hipermercados Eroski de Galicia, así como CashRecord e Autoservicios Familia.
un saúdo