Onte 1732: Viva o pobo brasileiro!
A pesar dos agoiros da prensa europea, aledeime que onte gañase o pobo brasileiro inaugurando con ledicia e dignidade os Xogos Olímpicos 2016. A cerimonia ideada por Fernando Meirelles presentou ao mundo a historia e a diversidade natural e cultural como o maior patrimonio do Brasil. Sen alardes tecnolóxicos de convocatorias anteriores a música e a danza protagonizaron un relato visual, onde non faltaron momentos moi emocionantes como a interpretación do himno na voz do mestre Paulinho da Viola, outros sorprendentes como o desfile da Giselle Bünchen ao ritmo de «Garota de Ipanema» ou a escena simulada de parkour, e outros espectaculares como o baile caótico da ducia de escolas de samba, que en todos os casos expresaron que na bossa nova e na MPB está o ADN do Brasil contemporáneo. A inauguración non puido agochar o malestar dunha cidadanía capaz de apupar de forma escandalosa ao presidente en funcións, tras a destitución da presidente electa. Unha noite que supuxo a vitoria tamén dunha cidade moi fermosa onde vive tanta e tanta xente feliz con lágrimas. Viva o pobo brasileiro que nunca perdeu a esperanza e non desiste. Agardo uns xogos olímpicos vibrantes.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir