Onte 1716: “A dúbida” de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol
Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de Vigo d´A dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.
María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir