Onte 1672: Presentación de dous libros de Caride en Cambados
Magnífico serán o de onte en Cambados onde acompañamos a Ramón Caride na presentación da súa novela Liquidación de existencias e do máis que recomendable disco libro Xeografías do deserto, un traballo indie preparado polos cantautores Moncho Núñez e Sito Suárez sobre textos poéticos que Moncho publicara en Flor de deserto e Xeografía de sal. Excelentes foron as intervencións musicais como as lecturas que da novela fixeron o escritor Domingo Tabuyo e a filósofa María Leyra Fernández Labandera. No seu discurso Tabuyo anunciou que «con Liquidación de existencias volve o mellor Caride, con toda a súa potencia narrativa para abordar historias cotiáns, maldades de toda condición, feridas infectadas, temas que non son novos, pero que teñen toda a actualidade, que todo o mundo entende como a corrupción, as inxustizas e as violencias».
Maria Leyra Fernández comezou salientando a oportunidade do título escollido por Caride, Liquidación de existencias, para «un libro onde o humano é unha mercadotecnica máis, un mundo emporcado de seres desposuídos, que dalgunha forma son tamén parte de nós, seres que reviven a paixón dionisíaca fronte á beleza estática». Cualificou a novela de «texto salvaxe e rochoso», «unha obra de arte, xa que como sinala María Zambrano dá a ver un mundo que naufraga, licuado pola extinción dun tempo forte, fragmentado, un tempo de vendas, tempo de música que marca pautas». «A novela de Caride está protagonizada por seres caídos que pouco interesan nas nosas vidas, seres perdedores, restos dun naufraxio, apenas saldos, refugallo dunha realidade con moitas pestes, nunha cidade onde se esvaen os límites.». Rematou María Leyra lembrando a imaxe da realidade líquida de Bauman e cualificando a novela de «pesimista e hilarante, de lectura engaiolante mais de dixestión lenta».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir