Onte 1639: “Non debían medrar”
Con motivo da celebración do centenario de Manuel Lueiro Rey esta semana chega as librarías a edición de Non debían medrar preparada e introducida por Ramón Nicolás. Publicada en 1974 por Ediciós do Castro, apenas seis anos despois da segunda de Memorias dun neno labrego, esta noveliña de iniciación, onde a oralidade e a memoria teñen un peso importante, supuxo o debut de Lueiro na narrrativa en galego, que confirmaría case unha década despois cos magníficos relatos d’ O sol na crista do galo. Lueiro non desvela o nome do seu Balbino que aos corenta e oito anos lembra os días da súa infancia, desque mexaba na cama, até que sendo un homiño foi ingresado nun reformatorio “onde todo era de pedra”, por roubar uns grans de millo cos que axudaba a súa nai. Un retrato estremecedor daquel ano 41, tempo de fame e desamparo, da máis dura posguerra, onde tiña tanto peso a igrexa. A presenza permanente das pombas ofrece unha fermosa metáfora da reivindicación da esperanza e da amizade. Unha novela que despois de catro décadas non perdeu nin brillantez nin atractivo. Un gran Lueiro.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir