Onte 1591: #MobilizaRosalía
Comezou a semana dedicada a Rosalía con motivo da celebración o mércores 24 do seu 179 aniversario. A programación tan intensa de actividades literarias, sobre todo nos centros de ensino, con especial incidencia este ano na utilización da comunicación dixital, demostran que os seus textos permanecen moi vivos e presentes na sociedade galega, ao tempo que posúe unha estraña e poderosa capacidade mobilizadora da nosa conciencia colectiva. Adiantada do seu tempo, sempre transgresora, radicalmente moderna, o fenómeno Rosalía increméntase cada ano como «o personaxe predilecto dos galegos», unanimidade interxeracional sorprendente que ben explica o éxito desta efeméride do 24 de febreiro. Polo que nos atinxe, celebraremos o día de Rosalía no Auditorio de Padrón, acompañando a Anxo Angueira na presentación da súa monumental edición de Follas novas, o segundo dos volumes da obra completa publicada por Xerais.
Imaxes liberadas pola Deputación da Coruña de catro deseñadoras galegas para utilizar na rede con motivo do Día de Rosalía.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir