Onte 1579: Joel Dicker e o DS 4
Non vira na televisión até onte o anuncio do DS 4 de Citroën protagonizado polo escritor Joel Dicker, a quen coñecimos o pasado ano na entrega do premio San Clemente. O xove novelista suízo, autor d´ A verdade sobre Harry Quebert, protagoniza unha campaña publicitaria, The DS writer, que xira arredor dunha webserie de cinco capítulos sobre o proceso de escrita dunha novela, utilizando como ferramenta de escrita a Apple CarPlayTM, a bordo deste novo Citroën de gama alta. Quedei sorprendido cando coñecín que Dicker, ademais de protagonizar os anuncios da campaña, tamén escribiu unha novela, titulada Só para escollidos, que os concesionarios da marca agasallan ás persoas que proben os dous modelos DS 4. Todo un abraiante entramado tecnolóxico, literario e publicitario protagonizado por un escritor do noso tempo. Xaora, non puiden evitar pensar que podería suceder se a marca do dobre chevron emulase apoiar así á narrativa galega. Imaxinamos a Pedro Feijoo ou Fran P. Lorenzo conducindo o DS 4 e ditando a siri os textos en galego?
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir