Onte 1568: Día da ilustración
Celebrouse onte nas bibliotecas «O día da ilustración». Unha data incluída no calendario galego do libro e da lectura, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, coa intención de salientar «a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración». Unha efeméride que debería servir, ademais, para reparar na situación dun subsector da creación que, a pesar do proceso de hibridación e mudanza do sector editorial, vive en Galicia un momento dunha certa efervescencia, fose pola consolidación nos mercados (tamén nos internacionais) dalgunhas das figuras da BD galega, sexa pola aparición constante doutras novas no terreo da edición infantil ou do portadismo editorial.
Xaora, sobre o mundo da ilustración galega pairan importantes dificultades, dende a reducida dimensión do noso mercado editorial interior, pasando polas dificultades para a exportación, concertación de edicións e venda de dereitos, até os prexuízos aínda existentes sobre este traballo artístico. E para mostra destas eivas abonda con reparar na lista de vinte e cinco creadores convidados a participar na Feira do Libro de Buenos Aires, que a Consellaría de Cultura e Educación publicou a pasada semana, e comprobar que só asistirá unha ilustradora. Apenas un síntoma dunha ollada prexuizosa sobre a ilustración galega, ademais dunha torpeza, cando se visita un país onde esta disciplina ten unha importancia fulcral no mundo editorial.
Parabéns a todos os ilustradores e ilustradoras, mercedoras de todo o noso recoñemento e apoio por tan destacado traballo artístico.
Grazas a Marcos Viso pola ilustración.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir