Onte 1494: Dende Madrid
Viaxar a Madrid e participar nunha xuntanza de toda unha xornada con persoas de diversas comunidades é un exercicio sempre saudable para coller perspectiva. Xaora, desta volta, volvín comprobar a supremacía do relato construído polos medios capitalinos, impresos ou audiovisuais, sobre o «problema catalán», incapaces de entender o que está sucedendo en Cataluña tras a sentenza do Constitucional sobre o Estatut. Con todo é tamén preocupante a ausencia dun relato alternativo doutra España posible que ninguén defende. Tras este novo relato monolítico da «España que se rompe», defendido con escasas variantes polo PP, PSOE e Ciudadanos, parece que se agocha unha intención recentralizadora moito máis severa da que hoxe podemos imaxinar. Coma sucedera tras o 23-F e a celebración do mundial de fútbol de 1982, cando se aprobou a LOAPA e se puxo freo á «exaltación da diversidade» lingüística e cultural dos anos da reforma Política, semella que a única resposta que dende Madrid se ofrece ao «desafío catalán» é máis centralización e máis uniformidade. Lonxe da creba democrática da que falan Beiras e o grupo Sin permiso, enxérganse tempos de teimoso e reseso centralismo. Non parece mala idea refuxiarse en Invernalia, compartir reflexións, recabar azos e preparar unha longa e dura campaña.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir